YouVersion Logo
Search Icon

Lucas 23

23
Xesús ante Pilato (Mt 27, 1-2. 11-14; Mc 15, 1-5; Xn 18, 28-38)
1Cando se levantou a sesión, conduciron a Xesús ante Pilato. 2Alí empezárono a acusar, dicindo:
Atopamos a este revolucionando ó pobo, impedíndolle pagar o tributo ó César, e declarándose ademais Mesías e rei.
3Pilato preguntoulle:
Es ti o rei dos xudeus?
Respondeulle:
Ti o dis.
4Entón díxolles Pilato ós sumos sacerdotes e mais á xente:
Eu non atopo delito ningún neste home.
5Pero eles teimaban dicindo:
Anda encirrando á xente, ensinando por toda Xudea, desde Galilea ata aquí.
Ante Herodes
6Oíndo aquilo, Pilato preguntou se aquel home era galileo. 7O saber que pertencía á xurisdición de Herodes, remitiullo a el, que casualmente estaba por aqueles días en Xerusalén.
8Herodes, ó ver a Xesús, alegrouse moito, porque había tempo que o quería ver, polo moito que tiña oído falar del; de por parte esperaba ver algún milagre. 9Fíxolle moitas preguntas, pero Xesús non dixo palabra. 10Tamén estaban alí os sumos sacerdotes e mais os letrados acusándoo con ardor. 11Herodes e mais os seus soldados aldraxárono, e, para faceren riso del, vestírono cunha roupa fachendosa; e despois Herodes mandoullo de volta a Pilato. 12E desde aquel día Herodes e Pilato, que se levaban moi mal, quedaron amigos.
Condenado á morte (Mt 27, 15-26; Mc 15, 6-15; Xn 18, 39-19, 16)
13Pilato convocou os sumos sacerdotes, os xefes e mais o pobo 14e díxolles:
Trouxéstesme este home coma se fose un revolucionario; pero eu, despois de o interrogar diante de vós, non atopei nel ningún delito deses dos que o acusades; 15nin tampouco Herodes, que nolo devolveu. Nada que mereza a morte cometeu; 16-17Así que voulle pór un escarmento, e despois vouno soltar.
18Pero todos empezaron a berrar, dicindo:
Fóra ese, solta a Barrabás!
19(Este estaba na cadea por unha revolta con asasinato, ocorrido na cidade).
20Pilato volveulles falar, pois quería librar a Xesús. 21Pero eles berraban:
Crucifícao, crucifícao!
22Pilato replicou por terceira vez:
Pero que mal fixo? Ningún delito de morte atopei nel. Dareille un escarmento e soltareino.
23Pero eles porfiaban a berros e pedían a crucifixión, facendo cada vez máis algareo. 24Por fin Pilato sentenciou tal coma eles querían. 25Soltou ó que reclamaban o encadeado por revolta e asasinato, e a Xesús entregóullelo ó seu antollo.
Crucifixión (Mt 27, 32-44; Mc 15, 21-32; Xn 19, 17-27)
26Cando o levaban, botaron man dun certo Simón de Cirene, que viña da leira, e cargáronlle a cruz, para que a levase detrás de Xesús. 27Ía tras eles unha chea de xente e mulleres batendo no peito e laiándose por el. 28Xesús volvéndose a elas, díxolles:
Fillas de Xerusalén, non choredes por min: chorade máis ben por vós e polos vosos fillos. 29Porque, mirade, veñen días nos que se dirá: "Afortunadas as estériles, os ventres que non xeraron e os peitos que non criaron". 30E pediranlles ós montes: Caede enriba de nós!, e ós outeiros: tapádenos. 31Porque se isto fan coa árbore verde, que lle pasará á seca?
32Levaban con el tamén a outros dous bandidos, para executalos. 33E cando chegaron ó lugar chamado "A Caveira", crucificárono alí; e con el os dous bandidos: un á dereita e outro á esquerda del.
34Xesús dicía:
Meu Pai, perdóaos que eles non saben o que fan.
E, botando á sorte, repartiron a roupa del. 35A xente estaba a mirar, e os xefes moqueábanse del, dicindo:
A outros salvounos. Pois que se salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido.
36Tamén os soldados se burlaban del, e achegándose ofrecíanlle vinagre, 37dicindo:
Se ti es o rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo.
38E había un letreiro enriba del: "Este é o rei dos xudeus".
39Un dos bandidos que estaban crucificados, insultábao tamén:
Non es ti o Mesías? Pois sálvate ti e sálvanos a nós.
40Pero contestoulle o outro, reprendéndoo:
Seica non temes a Deus, ti que sofres a mesma condena ca el? 41Nós, polo menos, recibimos o que merecemos, pero este non fixo mal ningún.
42E dicíalle:
Xesús, lémbrate de min cando volvas coma rei.
43Xesús respondeulle:
Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso.
Morte de Xesús (Mt 27, 45-56; Mc 15, 33-41; Xn 19, 28-30)
44Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata a media tarde. 45Pois houbo unha eclipse de sol. E o veo do Santuario rachou polo medio. 46Entón Xesús, pegou un berro moi alto e dixo:
Meu Pai! Nas túas mans entrego o meu espírito.
E dicindo isto, morreu.
47O centurión, vendo o que sucedera, glorificou a Deus, dicindo:
Realmente este home era inocente.
48E toda a xente que acudira ó espectáculo, ó ver o que pasaba, volvía batendo no peito. 49Os seus coñecidos seguían todo de lonxe, e igual as mulleres que o acompañaran desde Galilea.
Sepultura (Mt, 27, 57-61; Mc 15, 42-47; Xn 19, 38-42)
50Un home bo e honrado, chamado Xosé, que era conselleiro 51aínda que el non estivera de acordo co proceder do Consello, natural de Arimatea, vila de Xudea, e que esperaba o Reino de Deus, 52presentouse a Pilato e pediulle o corpo de Xesús. 53Logo, despois de o baixar, envolveuno nunha saba e púxoo nun sepulcro cavado na rocha, que estaba sen estrear. 54Era día da Preparación e xa despuntaba o sábado. 55Tamén estiveron presentes as mulleres que o acompañaban desde Galilea, pois seguiron a Xosé, e viron o sepulcro e como o depositaba. 56Cando regresaron, prepararon perfumes e bálsamos. Pero o sábado descansaron, conforme o mandado.

Currently Selected:

Lucas 23: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in