YouVersion Logo
Search Icon

Xoán 15

15
Xesús, a vide verdadeira: 15, 1-8
1Eu son a verdadeira vide, e meu Pai é o labrador. 2O bacelo que en min non leva froito, arríncao; e o que leva froito, límpao, para que leve máis froito aínda. 3Vós xa estades limpos, pola palabra que vos teño falado. 4Permanecede en min e eu en vós.
Así como o ramo non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na vide, vós tampouco, se non permanecedes en min. 5Eu son a vide; vós os bacelos. Quen permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. 6Se alguén non permanece en min, é coma os ramos arrincados fóra, que secan; apáñanos, bótanos no lume e arden. 7Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer. 8Nisto é glorificado meu Pai: en que levedes froito abondoso e vos mostredes coma discípulos meus.
Permanecer no amor: 15, 9-17
9Coma me amou o Pai, así vos amei eu: permanecede no meu amor. 10Se gardades os meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, coma eu gardei os mandamentos de meu Pai, e permanezo no seu amor. 11Díxenvos estas cousas, para que a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría sexa plena.
12Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros coma eu vos amei. 13Ninguén ten amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos. 14Vós sodes amigos meus, se facedes canto eu vos mando. 15Xa non vos chamo servos, que o servo non sabe o que fai o seu señor: a vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai déivolo a coñecer. 16Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós; e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza; de xeito que todo o que lle pidades ó Pai no meu nome, volo conceda. 17Mándovos isto: que vos amedes uns a outros.
O odio do mundo: 15, 18-16, 4
18Se o mundo vos aborrece, sabede que me aborreceu a min antes do que a vós. 19Se fósedes do mundo, o mundo amaríavos coma cousa propia; pero, como eu vos escollín do mundo, por iso o mundo aborrécevos. 20Lembrádevos da palabra que vos dixen: non hai servo maior có seu señor; se a min me perseguiron, hanvos perseguir tamén a vós; se gardaron a miña palabra, tamén gardarán a vosa.
21Todo isto hánvolo facer por causa miña, pois non coñeceron a quen me mandou. 22Se eu non viñese e non lles falase, non terían pecado; mais agora non teñen escusa polo seu pecado. 23Quen me aborrece a min, aborrece tamén a meu Pai. 24Se non fixese entre eles as obras que ningún outro fixo, non terían pecado; mais agora víronas, e aborrecéronme a min e a meu Pai; 25de xeito que se cumpra a palabra que está escrita na súa Lei: Aborrecéronme sen razón.
26Cando veña o Paráclito que eu vos hei de mandar de onda o Pai, o Espírito da Verdade que vén do Pai, dará testemuño acerca de min; 27e tamén vós daredes testemuño, pois levades comigo desde o comezo.

Currently Selected:

Xoán 15: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in