YouVersion Logo
Search Icon

Xoán 14

14
Xesús camiño cara ó Pai: 14, 1-14
1Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. 2Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? 3E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. 4E a onde eu vou, vós ben sabedes o camiño.
5Dille Tomé:
Señor, se non sabemos onde vas, como imos saber o camiño?
6Xesús respondeulle:
Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min. 7Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.
8Filipe díxolle:
Señor, móstranos o Pai e abóndanos.
9Xesús replicoulle:
Pero, Filipe, levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai. Como dis entón "móstranos o Pai"? 10Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. 11Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. 12Con toda verdade volo aseguro: quen cre en min, fará el tamén as obras que eu fago, e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai; 13e o que pidades no meu nome, heino facer, para que o Pai sexa glorificado no Fillo. 14Se algo me pedides no meu nome, eu fareino.
A promesa do Espírito: 14, 15-31
15Se me amades, gardaredes os meus mandamentos, 16e eu rogareille ó Pai, e daravos outro Paráclito para que decote estea convosco: 17o Espírito da Verdade. O mundo non o pode acoller, pois non o ve nin o coñece; mais vós coñecédelo, pois permanece onda vós e está en vós. 18Non vos deixarei orfos; logo volvo onda vós. 19Un pouquiño máis e o mundo xa non me verá; pero vós habédesme ver, que eu vivo e tamén vós habedes vivir. 20Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós. 21Quen ten os meus mandamentos e os garda, ese ámame; o que me ama será amado por meu Pai, e eu amareino e manifestareime a el.
22Xudas, o outro, non o Iscariote, preguntoulle:
Que pasou, para que ti vaias manifestarte a nós e non ó mundo?
23Xesús respondeulle:
Se alguén me ama, gardará a miña palabra, e meu Pai amarao, e viremos onda el, e faremos vida con el. 24O que non me ama, non garda as miñas palabras; e a palabra que escoitades de min, non é miña, é do Pai que me mandou.
25Díxenvos estas cousas mentres estaba convosco; 26pero o Paráclito, o Espírito Santo que meu Pai mandará no meu nome, ese havos ensinar todo e traeravos á memoria canto eu vos dixen. 27Déixovos a paz, douvos a miña paz: eu non vola dou coma o mundo a dá. Non vos angustiedes, nin teñades medo. 28Oístes que vos dixen "voume e logo volvo onda vós". Se me amasedes, alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai, xa que o Pai é máis ca min.
29Díxenvolo agora, antes de que suceda, para que, cando suceda, creades. 30Xa non falarei moito convosco, pois está a vir o príncipe deste mundo. Sobre min non ten nada; 31mais é para que saiba o mundo que eu amo ó Pai, e que, coma o Pai me mandou, así fago. Erguede, vámonos de aquí.

Currently Selected:

Xoán 14: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in