Xoán 16
16
1Díxenvos estas cousas para que non vos escandalicedes.
2Hanvos expulsar das sinagogas; e mesmo chega a hora en que todo aquel que vos mate, coide que está dando culto a Deus. 3E farán iso, porque non coñeceron nin ó Pai nin a min. 4Mais díxenvos isto, para que, cando chegue a hora, recordedes que xa eu volo tiña dito.
A obra do Espírito: 16, 4-15
Non vos dixen isto desde o comezo, porque estaba convosco. 5Pero agora voume onda o que me mandou e ningún de vós me pregunta: "Onde vas?" 6O contrario porque vos dixen estas cousas, a tristura encheu os vosos corazóns.
7Pero eu dígovos a verdade: convenvos que eu me vaia; pois, se eu non me vou, non virá a vós o Paráclito; en cambio, se eu me vou, mandareino onda vós.
8E cando veña culpará ó mundo de pecado, xustiza e condena: 9pecado, porque non cren en min; 10xustiza, porque vou onda o Pai e xa non me veredes; 11condena, porque o príncipe deste mundo xa resultou condenado.
12Aínda teño moitas cousas que vos dicir, pero non podedes con elas agora. 13Cando veña El, o Espírito da Verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciaravos o que ha de pasar. 14El hame glorificar, pois recibirá do meu e interpretarávolo. 15Todo o que ten o Pai é meu, por iso díxenvos que recibirá do meu e volo interpretará a vós.
A tristura volverase alegría: 16, 16-24
16Un pouquiño e xa non me veredes; e outro pouquiño, e volverédesme ver.
17Comentaron entón algúns dos seus discípulos: "Que é isto que nos di un pouquiño e xa non me veredes; e outro pouquiño, e volverédesme ver? E iso de porque vou onda o Pai?". 18E dicían: "Que é ese un pouquiño? Non sabemos o que quere dicir".
19Coñeceu Xesús que lle querían preguntar e díxolles:
Matinades entre vós acerca disto que vos dixen, "un pouquiño e xa non me veredes, e outro pouquiño e volverédesme ver"? 20Con toda verdade volo aseguro: choraredes e lamentarédesvos, mentres que o mundo se alegrará. Vós estaredes tristes, mais a vosa tristura volverase alegría. 21A muller, cando vai dar á luz, ten tristura, pois chegou a súa hora; pero cando deu á luz o neno, xa non lle acorda o apuro, pola alegría de que naceu un home para o mundo. 22Así, tamén vós tedes agora tristura; pero heivos de ver de novo e o voso corazón alegrarase, e a vosa alegría ninguén vola poderá quitar. 23E aquel día xa non me preguntaredes nada.
Con toda verdade volo aseguro: o que lle pidades ó Pai no meu nome, El hávolo dar. 24Ata agora non pedistes nada no meu nome. Pedide e recibiredes, de xeito que a vosa alegría sexa plena.
Eu vencín o mundo: 16, 25-33
25Díxenvos estas cousas en comparanzas. Vai chegar a hora en que xa non vos falarei en comparanzas, senón que vos falarei do Pai abertamente. 26Naquel día pediredes no meu nome. E non vos digo que eu rogarei por vós ó Pai, 27xa que o propio Pai vos ama, pois vós amástesme a min, e crestes que eu saín de Deus. 28Saín do Pai e vin ó mundo; de novo deixo o mundo e vou onda o Pai.
29Dixéronlle os seus discípulos:
Mira, agora falas claro, sen andar con voltas. 30Agora sabemos que o sabes todo, e non precisas que ninguén che pregunte: por iso cremos que saíches de Deus.
31Xesús respondeulles:
Agora credes? 32Mirade, vai chegar a hora, e xa chegou, en que vos espallaredes cada un pola súa banda, e a min deixarédesme só. Aínda que eu non estou só, pois está comigo o Pai.
33Díxenvos estas cousas para que teñades paz grazas a min. No mundo haberedes ter apertos; pero tede ánimo: eu vencín o mundo.
Currently Selected:
Xoán 16: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT