Lucas 12
12
Actitudes do discípulo (9, 26; 21, 14; Mt 10, 26-33; 12, 32; 10, 19-20; Mc 8, 38; 3, 29; 13, 11)
1Tanta era a xente reunida arredor del que se pisaban uns a outros. El comezou a falar dicíndolles primeiramente ós discípulos:
Coidadiño co fermento dos fariseos, que é a hipocrisía! 2Non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo nin cousa oculta que non se acabe sabendo. 3Porque canto tedes dito na escuridade oirase a plena luz, e o que falastes ás agachadas nos dormitorios hase pregoar desde as azoteas.
4E a vós, amigos meus, tamén vos digo: non lles teñades medo ós que matan o corpo, pero xa non poden pasar de aí. 5Vouvos dicir a quen lle tedes que ter medo: temede a quen despois de matar pode meter no inferno. Así, repítovolo, temede a este. 6Non se venden cinco pardais por dous patacos? Con todo, Deus non esquece a ningún. 7E mesmo os pelos da vosa cabeza están contados. Por iso non teñades medo, que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.
8E asegúrovos: todo o que volva por min diante dos homes, tamén o Fillo do Home volverá por el diante dos anxos de Deus. 9Pero a quen me negue diante dos homes, tamén o negarán ante os anxos de Deus. 10A todo aquel que fale en contra do Fillo do Home perdoaráselle; pero ó que blasfeme en contra do Espírito Santo non se lle perdoará. 11Cando vos leven ás sinagogas, ante os maxistrados e autoridades, non vos preocupedes de como vos ides defender e do que ides dicir: 12xa vos ensinará o Espírito Santo naquela mesma hora o que é preciso dicir.
A cobiza: parábola do rico insensato (Mt 6, 25-34; 19, 21)
13Díxolle entón un que estaba entre a xente:
Mestre, dille a meu irmán que reparta a herdanza comigo.
14El contestoulle:
Home, quen me nomeou xuíz ou testamenteiro entre vós?
15E logo díxolle á xente:
Atención: gardádevos da cobiza, que por moito que un teña non por iso a súa vida depende dos seus bens.
16E propúxolles unha parábola:
As terras de certo home rico déranlle moito froito. 17Púxose entón a cavilar: "Como vou facer, que non teño onde meter o froito?" 18E dixo: "Xa o sei: vou desfacer os meus celeiros, e constrúo outros máis grandes e alí meto o trigo todo e todos os meus bens. 19Logo direime a min mesmo: Amigo, xa tes aí reservas para moitos anos; descansa, come, bebe e a vivir!" 20Pero Deus díxolle: "Insensato, esta mesma noite váiseche reclamar a túa vida: para quen será todo o que fixeches?"
21Así é quen atesoura riquezas para si, pero non é rico para Deus.
Confianza no Pai (Mt 6, 19-21. 25-34)
22E díxolles ós seus discípulos:
Por iso dígovos: non andedes agoniados pola vosa vida (que ides comer) nin polo voso corpo (que ides vestir). 23Non vale máis a vida cá mantenza? e non vale máis o corpo có vestido? 24Ollade para os corvos: nin sementan, nin segan, nin tampouco teñen tullas e, mesmo así, Deus mantenos. Pois, canto máis valedes vós cós paxaros!
25E quen de vós, por moita ansia que poña lle pode engadir un cóbado á súa estatura? 26Pois logo, se non podedes acadar o máis pequeno, por que andades tan agoniados polo resto? 27Aprendede dos lirios, que nin fían nin tecen, e seguro que nin Salomón en toda a súa gloria chegou a vestir coma un deles. 28Pois se a herba do campo, que hoxe verdea e mañá a botamos no forno, Deus a veste así, canto máis non fará convosco, homes de pouca fe! 29Non vos angustiedes polo que ides comer ou beber; non andedes desacougados. 30Que por esas cousas todas andan agoniados os pagáns; e ben sabe o voso Pai que é o que precisades. 31Procurade, máis ben, o seu Reino, e esas cousas todas hánsevos dar de máis a máis.
32Non teñas medo, miña grea pequena, que o teu Pai compraceuse en darche o Reino. 33Vendede os vosos bens e dádeos en esmola, facede bolsas que non se estraguen, un tesouro inesgotable no ceo, onde o ladrón non pode chegar e onde a traza non o bota a perder. 34Pois onde está o teu tesouro, estache o teu corazón.
Estade preparados (Mt 24, 42-51)
35Tede posta a roupa de traballo e as lámpadas acesas; 36sédeme coma os que agardan que volva o seu amo da voda, para que, cando chegue e chame, lle poidan abrir. 37Ditosos os criados a quen o amo atope agardando cando chega. Tede por certo que poñerá a roupa de traballo, sentaraos na mesa e serviraos un por un. 38Sexa pola anoitecida ou sexa pola alborada, se os atopa así, felices eles. 39Entendede ben: se o dono da casa soubese a que hora vai chegar o ladrón, non permitiría que lle asaltasen a casa. 40Así tamén: estade vós preparados, porque á hora menos pensada ha vir o Fillo do Home.
41Díxolle Pedro:
Señor, a parábola que acabas de contar vai por nós ou por todos en xeral?
42Contestoulle o Señor:
Quen é, logo, o administrador fiel e prudente, a quen o seu señor encargará o coidado de dar no seu tempo a ración de trigo á servidume? 43Ditoso o criado aquel, a quen o seu amo, cando chega, o atopa cumprindo coa súa tarefa! 44Tede por seguro que lle encomendará toda a facenda. 45Pero se o criado aquel di para si: "O amo aínda non vén para agora" e empeza a mallar nos criados, comendo e bebendo ata se emborrachar; 46o día menos pensado e á hora máis imprevista, chegará o amo do criado aquel, e botarao fóra cos infieis. 47O criado que, coñecendo as vontades do amo, non ten todo preparado nin feitas as cousas como a el lle gustan, levará moitos paus; 48pero o que non os coñece, aínda que faga algo que mereza castigo, levará poucos. A quen moito se lle dá, moito se lle esixirá; e a quen moito se lle confía, moito se lle pedirá.
Xesús, causa de división (Mt 10, 34-36)
49Lume vin traer á terra: e que máis quería eu ca que xa estivese a arder! 50Hanme bautizar cun bautismo e xa me tarda a hora de que se cumpra! 51Pensades que vin traer a paz á terra? Abofé que non: vin traer división. 52Pois desde agora na casa onde haxa cinco, estarán divididos tres contra dous e dous contra tres. 53Estarán enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra.
Sinais dos tempos (Mt 16, 2-3; 5, 25-26)
54Dicíalle tamén á xente:
Cando vedes que da banda do mar vén unha nube, axiña dicides: "Temos chuvia", e así é. 55E cando venta do sur, dicides: "Velaí vén o calmizo", e vén mesmo. 56Hipócritas! Se sabedes interpretar o cariz da terra e mais o do ceo, como non sabedes interpretar o momento presente?
57E, por que non xulgades por vós mesmos o que cómpre facer? 58Cando vaias co teu contrario ó xuíz, mira de librarte del polo camiño; non sexa que te arrastre onda o xuíz e este te entregue ó garda para que te meta na cadea. 59Que de alí seguro que non saes ata que pagues o último céntimo.
Currently Selected:
Lucas 12: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT