YouVersion Logo
Search Icon

Lucas 14

14
Outra curación en sábado (6, 6-11; Mt 12, 9-14; Mc 3, 1-6)
1Un sábado ía el comer, á casa dun xefe dos fariseos; e eles vixiábano. 2Entón apareceu diante del un home hidrópico. 3Xesús preguntoulles ós xuristas e fariseos:
El está ou non está permitido curar no sábado?
4Pero eles non abriron a boca. Xesús colleu o enfermo, curouno e despediuno. 5E mirando para eles, díxolles:
Quen de vós, se un fillo ou un boi lle cae nun pozo, non o tira do pozo no instante aínda que sexa sábado?
6A isto non lle souberon que contestar.
Os convidados
7Decatándose de que os convidados buscaban os primeiros postos, contoulles unha parábola:
8Cando alguén te convide a unha voda, non te poñas no primeiro posto. Pode suceder que un máis distinguido ca ti tamén estea convidado 9e que veña o que vos convidou e che diga: "Déixalle o sitio a este", e cheo de vergonza teñas que ir para o derradeiro lugar. 10O revés, ti, cando te conviden, ponte de último, para que cando chegue o que te convidou che poida dicir: "Amigo, sube máis arriba". E quedarás moi ben diante de todos os convidados. 11Porque a quen se ten por moito, hano rebaixar e a quen se rebaixe hano enaltecer.
12E díxolle tamén ó que o convidara:
E ti, cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos; non sexa que eles te recompensen convidándote tamén a ti. 13Cando deas un banquete, convida os pobres, eivados, coxos e cegos; 14e serás ditoso, porque non te poden recompensar; pero xa se che recompensará na resurrección dos xustos.
Os convidados que non acoden (Mt 22, 1-10)
15Despois de escoitar todo isto, díxolle un dos convidados:
Ditoso o que coma pan no banquete do Reino de Deus.
16El propúxolle:
Dunha vez un home deu unha grande cea e convidou a moitos. 17Así que chegou a hora, mandou un criado para que avisase ós convidados, dicíndolles: "Vide xa, que está todo preparado". 18Pero todos empezaron a escusarse. O primeiro dixo: "Merquei unha leira e teño que ila ver; por favor, descúlpame". 19Outro dixo: "Merquei cinco parellas de bois, e teño que probalas; descúlpame, por favor". 20Outro dixo: "Acáboche de casar e non podo ir".
21Volveu o criado e contoulle todo isto ó amo. Entón o dono da casa, todo indignado, mandoulle ó seu criado: "Pois vai correndo ás prazas e rúas da vila e tráeme para acá os pobres, eivados, coxos e cegos".
22O criado díxolle: "Xa está feito o que mandaches, e aínda hai sitio". 23Entón o amo mandoulle: "Vai polos camiños e corredoiras e obriga á xente a entrar; quero que se encha a miña casa, 24porque vos aseguro que ningún dos convidados probará a miña cea".
O seguimento de Xesús (Mt 10, 37-38)
25Nunha ocasión que o seguía moita xente, volveuse a eles e díxolles:
26Se alguén me quere seguir e non está disposto a romper con seu pai e con súa nai, coa muller e mais cos fillos, cos irmáns e coas irmás, e incluso coa súa propia vida, non pode ser discípulo meu. 27O que non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo meu.
28Pois quen de vós, querendo construír unha torre, non se para a pensar no presuposto, a ver se a pode rematar? 29Non vaia ser que bote os alicerces e non a dea rematado e a xente que o vexa faga riso del, dicindo: 30"Este empezou a construír e non deu rematado".
31Ou que rei, que sae á guerra contra outro, non se senta primeiro a cavilar se lle chegarán dez mil homes para loitar contra vinte mil? 32E, se ve que non, cando aínda o ten lonxe, mándalle unha embaixada, pedindo condicións de paz.
33Pois así, como non renunciedes a todo o que tedes, non hai de vós quen poida ser discípulo meu.
34Ben está o sal; pero se o mesmo sal se volve insulso, con que se pode salgar? 35Xa non vale para nada: nin para a terra, nin para a esterqueira; hai que tirar con el. Quen teña oídos para oír, que escoite.

Currently Selected:

Lucas 14: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in