YouVersion Logo
Search Icon

Lucas 15

15
A ovella perdida (Mt 18, 12-14)
1Tamén os publicanos e pecadores se achegaban a el para o escoitaren. 2Por iso os fariseos e letrados murmuraban:
Este acolle os pecadores e come con eles.
3Entón Xesús contoulles esta parábola:
4Quen de vós, se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado, e vai en busca da perdida, a ver se a atopa? 5E cando a atopa, volve todo contento 6para a casa, con ela no lombo; e, chamando por amigos e veciños, dilles: "Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera". 7Pois asegúrovos unha cousa: no ceo haberá máis alegría por un pecador que se converta que por noventa e nove xustos que non precisan conversión.
A moeda perdida
8E que muller que teña dez moedas e perde unha, non acende a luz, e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata atopala? 9E cando a atopa, chama polos amigos e veciños para lles dicir: "Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida". 10Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos por un só pecador que se converta.
O fillo estragador e o pai bo
11E dixo tamén:
Un home tiña dous fillos. 12O máis novo díxolle ó pai: "Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde". El repartiulles os seus bens. 13Días despois, este fillo recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido.
14Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade. 15Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa a coidar os porcos. 16Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba.
17Recapacitando, pensou: "Hai que ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame. 18Si, vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; 19xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro".
20Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. 21O fillo exclamou: "Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo".
22Pero o pai díxolles ós seus criados: "Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. 23Preparade un cuxo cebado para comelo e facer unha gran festa. 24Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo". E empezou a festa.
25Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para casa, oíu a música e mais o baile. 26Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. 27O criado contestoulle: "Éche que volveu teu irmán, e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e salvo". 28Entón alporizouse moito, e non quería entrar.
Pero o pai, saíndo, intentouno convencer. 29El díxolle: "Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para troulear cos meus amigos; 30e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e matas o cuxo cebado".
31O pai contestoulle: "Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, 32que menos que celebrar unha festa cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo?".

Currently Selected:

Lucas 15: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in