Lucas 24
24
A RESURRECCIÓN
Anuncio da resurrección (Mt 28, 1-10; Mc 16, 1-8; Xn 20, 1-10)
1A madrugada do primeiro día da semana foron ó sepulcro, levando os perfumes que tiñan preparados. 2Pero atoparon quitada a lousa, arredada do sepulcro. 3Entraron, e viron que o corpo do Señor non estaba alí. 4Entón, mentres estaban todas perplexas por aquilo, apareceron dous homes con vestidos resplandecentes. 5Cheas de medo, miraban para o chan; pero eles preguntaron:
Por que buscades entre os mortos a quen está vivo? 6Non está aquí; resucitou. Recordade o que vos dicía en Galilea: 7que cumpría que entregasen o Fillo do Home nas mans dos pecadores, que o crucificasen e que resucitase ó terceiro día.
8A elas acordáronlles aquelas palabras súas, 9e, volvendo do sepulcro, anunciáronllelo ós Once e a todos os demais. 10Eran elas: María Magdalena, Xoana, María a de Santiago. E tamén as outras que as acompañaban lles dicían o mesmo ós apóstolos; 11pero eles non lles daban creto: parecíalles un desatino das mulleres.
12Mesmo así, Pedro ergueuse e foi correndo ó sepulcro; abaixándose, viu as vendas soas; e, todo abraiado polo acontecido, volveu para a súa casa.
Camiño de Emaús (Mc 16, 12-13)
13Aquel mesmo día dous deles ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. 14Ían falando de canto pasara. 15E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda eles. 16Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. 17Entón preguntoulles:
De que ides falando polo camiño?
Eles pararon cun rostro moi tristeiro, 18e Cleofás, un deles, respondeulle:
Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
19El preguntou:
De que, logo?
Eles contestaron:
Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; 20de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron. 21Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. 22Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ó riscar o día ó sepulcro, 23e, ó non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. 24E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.
25Entón díxolles:
Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! 26E logo non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
27E comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
28O entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. 29Pero eles porfiáronlle, dicindo:
Queda connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.
Quedou con eles. 30E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. 31Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. 32E dixeron:
Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as Escrituras?
33E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes, 34que dicían:
É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.
35Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no partir o pan.
Aparición ós apóstolos (Mt 28, 16-20; Mc 16, 14-18; Xn 20, 20-23; Feit 1, 6-8)
36Estando eles comentando estas cousas, presentóuselles Xesús no medio e díxolles:
A paz sexa convosco!
37Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito. 38Pero el díxolles:
Por que estades asustados, e a que veñen esas dúbidas? 39Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño eu.
40E dicindo isto, mostroulles as mans e mais os pés. 41Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro, non acababan de crer. Xesús preguntoulles:
Tedes por aí algo que comer?
42Déronlle un anaco de peixe asado. 43El colleuno e comeuno diante deles. 44Logo díxolles:
A isto referíame eu cando, estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e mais nos Salmos acerca de min.
45E abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras. 46E engadiu:
Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, 47e predicarase no seu nome a conversión e mais o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. 48Vós seredes testemuñas de todo isto. 49E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai. Mentres tanto seguide na cidade, ata que se vos revista co poder que vén de arriba.
Ascensión de Xesús (Mc 16, 19-20; Feit 1, 9-11)
50Despois levounos para fóra, a un lugar preto de Betania, e alí, erguendo as mans, bendiciunos. 51E mentres os bendicía, foise separando deles, e foi elevado ó ceo. 52Eles, despois de se prostraren ante el, volveron para Xerusalén cheos de alegría. 53E seguían decote, no templo, bendicindo a Deus.
Currently Selected:
Lucas 24: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT