YouVersion Logo
Search Icon

Marcos 15

15
Xesús ante Pilato (Mt 27, 1-2. 11-26; Lc 23, 1-5. 13-25; Xn 18, 28-19, 16)
1A mañanciña cedo, os sumos sacerdotes, os anciáns e mais os letrados todo o Sanedrín, despois dunha reunión do Consello, amarraron a Xesús e fórono entregar a Pilato.
2Pilato preguntoulle:
Es ti o rei dos xudeus?
Respondeulle:
Ti o dis.
3E os sumos sacerdotes acusábano de moitas cousas. 4Pero Pilato volveulle preguntar:
Non respondes nada? Xa ves de cantas cousas te acusan.
5Pero Xesús non respondeu nada, deixando moi estrañado a Pilato.
6Polas festas tiña o costume de soltar o preso que lle pedisen. 7Estaba daquela na cadea un tal Barrabás, xunto cos sediciosos que nunha revolta mataran a un home. 8Cando subiu o xentío, empezou a reclamar o indulto tradicional. 9Pilato respondeulles:
Queredes que vos solte ó rei dos xudeus?
10Pois el ben sabía que os sumos sacerdotes llo entregaran por envexa. 11Pero eles encirraban á xente, para que lles liberase a Barrabás. 12Pilato respondeu:
E que fago eu con ese ó que lle chamades rei dos xudeus?
13A xente volveu berrar:
Crucifícao!
14Pilato replicou:
Pero, que mal fixo?
Mais eles berraban máis forte:
Crucifícao!
15E Pilato, para compracer ó pobo, soltou a Barrabás; e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.
Coroación cos espiños (Mt 27, 27-31; Xn 19, 2-3)
16Os soldados, levárono, para dentro do pazo do gobernador, é dicir, do Pretorio, e chamaron a toda a compañía. 17Vestírono de púrpura, e trenzaron unha coroa con espiños e encaixáronlla. 18Empezáronlle a facer saúdos:
Saúde, rei dos xudeus!
19E cunha canivela dábanlle golpes na cabeza, cuspían nel e, axeonllándose, rendíanlle homenaxe. 20E despois de faceren riso del, quitáronlle a púrpura e puxéronlle a súa roupa. Despois levárono fóra, para o crucificaren.
Crucifixión (Mt 27, 32-44; Lc 23, 26-43; Xn 19, 17-24)
21Pasaba por alí Simón de Cirene, que volvía da leira o pai de Alexandro e de Rufo e obrigárono a cargar coa cruz. 22Levárono a un lugar chamado Gólgota, ou sexa, lugar da Caveira. 23Alí dábanlle viño con mirra pero non o quixo. 24Crucificárono e repartiron a roupa, botando sortes para saber o que lle tocaba a cada un.
25Era a media mañá cando o crucificaron. 26Un letreiro anunciaba a causa da súa condena: "O rei dos xudeus". 27-28Con el crucificaron tamén a dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.
29Os que pasaban por alí, burlábanse del, abaneando as cabezas, e dicindo:
Vaites, vaites, o que destrúe o Templo e o reconstrúe en tres días! 30Anda, baixa agora da cruz, e sálvate!
31Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes, burlándose entre eles cos letrados, dicían:
Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! 32O Mesías, o rei de Israel! Que baixe da cruz agora, para que vexamos e creamos!
Tamén os que estaban crucificados con el o aldraxaban.
Morte de Xesús (Mt 27, 45-56; Lc 23, 44-49; Xn 19, 28-30)
33Chegado o mediodía, a escuridade cubriu toda a terra, ata as dúas e pico da tarde. 34E nesa hora, Xesús berrou moi forte:
—Eloí, Eloí, lamá sabactaní (que quere dicir: "Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches").
35Oíndo aquilo, algúns dos presentes comentaban:
Oístes? Está chamando por Elías.
36E un deles, botando a correr, empapou unha esponxa en vinagre, espetouna nunha canivela, e deulle de beber, dicindo:
Deixade, a ver, logo, se vén Elías baixalo.
37Pero Xesús, dando un berro moi alto, expirou.
38O veo do Templo rachou en dous de arriba abaixo. 39O centurión, que estaba diante, oíndo o berro que deu ó morrer, dixo:
Verdadeiramente este home era Fillo de Deus.
40Tamén había mulleres, mirando desde lonxe; entre elas estaban María Magdalena, María a nai de Santiago o Menor e de Xosé, e mais Salomé, 41que o seguían e servían cando estaba en Galilea; e moitas outras que subiran con el a Xerusalén.
Sepultura de Xesús (Mt 27, 57-61; Lc 23, 50-56; Xn 19, 38-42)
42A tardiña, como era o día da Preparación, ou sexa véspera de sábado, 43Xosé de Arimatea, nobre conselleiro que tamén esperaba o Reino de Deus, foi onda Pilato con gran valor, para lle pedir o corpo de Xesús. 44Pilato estrañouse de que xa estivese morto, e, chamando polo centurión, preguntoulle se xa morrerá; daquela, 45informado polo centurión, entregoulle o cadáver a Xosé. 46El, mercando unha saba, baixouno, envolveuno nela, e acomodouno nun sepulcro escavado na rocha; logo fixo rodar unha lousa sobre a entrada. 47María Magdalena e mais María de Xosé enxergaban para ver onde o poñía.

Currently Selected:

Marcos 15: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in