Xénese 1
1
A creación
1No principio creou Deus o ceo e a terra. 2A terra era unha masa informe e baldeira, as tebras cubrían o abismo e un vento poderoso axitaba as augas.
3Mandou Deus que houbese luz, e houbo luz. 4Viu Deus que a luz era cousa boa e arredouna das tebras.
5A luz chamouna día e ás tebras chamounas noite. E con iso completouse o primeiro día da semana.
6Quixo Deus que houbese un espazo para arredar as augas das augas. 7E fixo un espazo, que arredaba as augas de enriba das de embaixo. 8O espazo rematado Deus chamouno ceo. E completouse o segundo día.
9Mandou Deus que se xuntasen as augas de embaixo nun lugar e que aparecese o chan enxoito. E así foi. 10O chan enxoito chamouno terra e ás augas xuntas, mares. E viu que estaba ben. 11Mandou Deus que a terra xermolase herba verde, plantas coa súa semente e árbores que desen froitos, cada unha coa súa semente, conforme á súa especie. E así foi. 12A terra xermolou herba verde, plantas coa súa semente, árbores que daban froito, cada unha coa súa semente. E viu Deus que estaba ben. 13E completouse o terceiro día.
14Mandou Deus que houbese luces no espazo para distinguir o día da noite, para dar sinal das festas, das estacións e dos anos, 15e para que, brillando no espazo, alumasen a terra. E así foi. 16Deus fixo dúas luminarias, a grande que rexe o día, a pequena que rexe a noite, e tamén as estrelas. 17Púxoas no espazo, para alumar a terra, 18para rexer o día e a noite e para distinguir a luz das tebras. E viu que estaba ben. 19E completouse o cuarto día.
20Quixo Deus que as augas fosen un fervedoiro de peixes e o espazo entre o ceo e a terra un voar de paxaros. 21E creou os monstros mariños, os moitos xéneros de peixes que referven nas augas e todas as sortes de paxaros. E parecéronlle ben. 22E bendiciunos deste xeito: Reproducídevos, crecede, enchede as augas do mar e que os paxaros medren na terra. 23E completouse o quinto día.
24Mandou Deus que a terra producise as varias especies de animais, os domésticos, os réptiles e as feras salvaxes. E así foi.
25Deus fixo as varias especies de feras salvaxes, animais domésticos, réptiles, e parecéronlle ben.
26Despois dixo Deus: —"Fagamos o home á nosa imaxe e á nosa semellanza, e que mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos réptiles todos da terra".
27E creou Deus o home á súa imaxe, creouno á imaxe de Deus, creouno varón e femia. 28E bendiciunos así: —"Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea. Mandade nos peixes do mar, nos paxaros do ceo e nos réptiles todos da terra". 29E díxolles aínda: —"Aí vos dou as herbas todas que hai na terra, coa súa propia semente, e todas as árbores que dan froito coa súa propia semente: serviranvos para a mantenza". 30As feras todas do monte, ós paxaros do ceo e ós réptiles que viven na terra doulles a herba para a mantenza". E fíxose así. 31Viu Deus canto fixera e era de verdade moi bo. E completouse o sexto día.
अहिले सेलेक्ट गरिएको:
Xénese 1: ABGS
हाइलाइट
शेयर गर्नुहोस्
कपी गर्नुहोस्
तपाईंका हाइलाइटहरू तपाईंका सबै यन्त्रहरूमा सुरक्षित गर्न चाहनुहुन्छ? साइन अप वा साइन इन गर्नुहोस्
Dereitos reservados: SEPT