YouVersion Logo
Search Icon

Xénese 11

11
Babel
1Toda a terra falaba unha soa lingua e usaba as mesmas palabras. 2O emigraren os homes desde o oriente, encontráronse nunha chaira, no país de Xinar, e establecéronse alí. 3Dixéronse uns ós outros: —"Imos facer ladrillos e cocelos no lume". O ladrillo facíalles de pedra e o betume de cemento. 4E nisto propuxeron: —"Imos construír unha cidade e unha torre, que chegue co cimo ata o ceo, e fagámonos un nome de sona, para non nos perder pola ancha face da terra".
5Baixou o Señor para ver a cidade e a torre que os homes construían, e pensou: 6—"Aquí hai un pobo unido que fala a mesma lingua. Se empeza facendo isto, ninguén podería privalos desde agora de faceren o que se lles veña á cabeza. 7Baixemos e embarullemos alí mesmo a súa lingua, de xeito que non se entendan uns cos outros". 8O Señor espallounos de alí por toda a terra, e deixaron de construír a cidade. 9A esta chamóuselle Babel, porque alí embarullou o Señor a lingua de todo o mundo. Desde alí espallounos por toda a face da terra.
Descendentes de Sem
10Táboa dos descendentes de Sem. Sem tiña cen anos cando xerou a Arfaxad, dous anos despois do diluvio. 11Despois diso viviu cincocentos anos, e tivo outros fillos e fillas.
12Arfaxad tiña trinta e cinco anos cando xerou a Xélah. 13Despois viviu catrocentos anos máis, e tivo outros fillos e fillas.
14Xélah tiña trinta anos cando xerou a Héber. 15Despois viviu catrocentos anos máis, e tivo outros fillos e fillas.
16Héber tiña trinta e catro anos cando xerou a Péleg. 17Despois viviu aínda catrocentos trinta anos, e tivo outros fillos e fillas.
18Péleg tiña trinta anos cando xerou a Reú. 19Despois viviu douscentos nove anos, e tivo outros fillos e fillas.
20Reú tiña trinta e dous anos cando xerou a Serug. 21Despois viviu douscentos sete anos, e tivo outros fillos e fillas.
22Serug tiña trinta anos cando xerou a Nahor. 23Despois viviu douscentos anos máis, e tivo outros fillos e fillas.
24Nahor tiña vinte e nove anos cando xerou a Térah. 25Despois viviu cento dezanove anos máis, e tivo outros fillos e fillas.
26Térah tiña setenta anos cando xerou a Abram, a Nahor e a Harán. 27Descendentes de Térah: Térah xerou a Abram, a Nahor e a Harán. Harán xerou a Lot. 28Harán morreu en vida de seu pai, na súa terra de nacemento, en Ur dos caldeos.
29Abram e Nahor casaron. A muller de Abram chamábase Sarai e a de Nahor, Milcah, filla de Harán, o pai de Milcah e de Iscah. 30Sarai era estéril e non tiña fillos.
31Térah colleu a seu fillo Abram, ó seu neto Lot, fillo de Harán, e a súa nora Sarai, muller de seu fillo Abram, e saíu con eles de Ur dos Caldeos, para dirixirse ó país de Canaán. Chegados a Harán, establecéronse alí. 32Térah viviu douscentos cinco anos e morreu en Harán.

Currently Selected:

Xénese 11: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xénese 11