Xénese 12
12
Vocación de Abraham
1O Señor díxolle a Abram:
—"Vaite da túa terra, da túa patria, do teu clan, á terra que eu che mostrarei.
2Eu farei de ti un pobo grande, bendicireite e dareiche un nome de sona, que será exemplo de bendición.
3Bendicirei a quen te bendiga, maldicirei a quen te maldiga.
Os pobos todos da terra chamaranse benditos no teu nome".
4Abram púxose ó camiño, conforme lle dixera o Señor; e con el foi Lot. Abram tiña setenta e cinco anos cando saíu de Harán. 5Levaba consigo a Sarai, súa muller, ó seu sobriño Lot e todas as posesións e mais os criados que adquirira en Harán. Saíron na dirección do país de Canaán, e chegaron alá.
6Abram percorreu o país ata o lugar santo de Xequem e a aciñeira de Moré. Daquela habitaban no país os cananeos. 7O Señor aparecéuselle a Abram para dicirlle: —"Os teus descendentes dareilles esta terra". Abram erixiu alí mesmo un altar ó Señor que se lle aparecera. 8Logo seguiu pola montaña, ó oriente de Betel, e plantou a súa tenda entre Betel ó poñente e Ai ó nacente. Alí construíu un altar ó Señor e invocouno polo nome. 9Despois seguiu por xornadas o camiño cara ó sur.
Abraham en Exipto
10Houbo fame no país, e Abram baixou a Exipto, coa idea de quedar alí, mentres a fame seguise apretando. 11Cando xa estaban chegando a Exipto, Abram díxolle a Sarai, súa muller: —"Estou pensando na túa fermosura. 12Os exipcios, en véndote, dirán: —É a súa muller. Entón a min mataranme e a ti gardarante viva. 13Dilles que es miña irmá, para que por mor de ti me traten a min ben e grazas a ti salve a vida".
14Cando Abram chegou a Exipto, os exipcios repararon en que a súa muller era moi bela. 15Vírona tamén os cortesáns e gabáronlla ó faraón, de xeito que a muller foi levada ó pazo.
16A Abram foille ben por conta dela. Adquiriu rabaños, gandos, asnos, servos, servas, asnas e camelos. 17Mais o Señor inflixiulles ó faraón e á súa corte grandes pragas, por causa de Sarai, muller de Abram.
18Entón chamou o faraón a Abram para lle dicir: —"Que fixeches comigo? Por que non me aclaraches que era a túa muller? 19Por que me dixeches que era túa irmá, deixándome que a tomase por muller? Agora aí tes a túa muller. Cóllea e vaite". 20E o faraón deu ordes ós seus homes para que despedisen a Abram coa muller e con todo o que tiña.
Currently Selected:
Xénese 12: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT