Xénese 13
13
Abraham e Lot
1Abram subiu de Exipto cara ó Négueb, coa muller e coas súas posesións, e levando consigo a Lot. 2Abram era moi rico en gandos, en prata e en ouro. 3Desde o Négueb seguiu por treitos camiño de Betel, onde fixera en tempos a súa tenda, entre Betel e Ai. 4Era o mesmo lugar onde construíra anteriormente un altar e invocara o nome do Señor.
5Lot ía con Abram e era tamén rico en rabaños, en gandos e en tendas. 6A terra onde estaban non chegaba para habitaren xuntos. A moita facenda xa non llelo consentía, 7de xeito que xurdían agarradas entre os pastores de Abram e os de Lot. Daquela habitaban no país os cananeos e os perizitas.
8Abram díxolle entón a Lot: —"Que non haxa liortas entre nós e entre os nosos pastores, pois nós somos irmáns. 9Tes diante de ti o país enteiro; sepárate de min. Se ti colles á esquerda, eu collerei á dereita; se ti á dereita, eu á esquerda".
10Lot levantou os ollos e reparou na veiga do Xordán, toda ela regada. (Isto era antes de que Deus destruíra Sodoma e Gomorra). Ata chegar a Soar era o mesmo ca un xardín do Señor, coma a terra de Exipto. 11Lot escolleu para si a veiga do Xordán e dirixiuse cara ó oriente, separándose de Abram. 12Abram asentou en Canaán e Lot nas cidades da veiga do Xordán, chegando coa tenda a Sodoma. 13As xentes de Sodoma eran ruíns e moi pecadoras á vista do Señor.
A terra prometida
14Despois de que Lot se separou del, o Señor díxolle a Abram: —"Desde o lugar onde estás ergue os ollos e mira cara ó norte e cara ó sur, cara ó nacente e cara ó poñente. 15A terra toda que ves, dareicha a ti e ós teus descendentes para sempre. 16Multiplicarei os teus descendentes coma o po. Se alguén contase o po, poderíaos contar a eles. 17Anda, percorre a terra ó longo e ó ancho, pois voucha dar para ti". 18Abram levantou a tenda e foise establecer na carballeira de Mambré, onda Hebrón. Alí construíu un altar ó Señor.
Currently Selected:
Xénese 13: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT