YouVersion Logo
Search Icon

Xénese 14

14
Invasión dos reis de oriente
1Amrafel rei de Xinar, Arioc rei de Elasar, Codorlaomer rei de Elam e Tidal rei de Goim 2emprenderon guerra contra Bera rei de Sodoma, Birxá rei de Gomorra, Xinab rei de Ademah, Xeméber rei de Seboim e o rei de Bela que é Soar. 3Os últimos xuntáronse no val de Sidim que é o mar Morto. 4Levaban doce anos pagando tributo a Codorlaomer, pero no décimo terceiro revoltáronse.
5O ano décimo cuarto veu Codorlaomer cos reis aliados seus e derrotaron ós refaítas en Axterot Carnaim, ós zuritas en Ham, ós emitas no val de Quiriataim 6e ós hurritas nos montes de Seir, ata El-Parán, á beira do deserto. 7Logo deron volta e chegaron a Ein-Mixpat que é Cadex, e arrasaron ós amalecitas en todo o seu territorio e ós amorreos que habitaban en Hasesón-Tamar.
8Entón saíron os reis de Sodoma, de Gomorra, de Ademah, de Seboim e de Bela que é Soar, e presentaron batalla no val de Sidim 9contra Codorlaomer rei de Elam, Tidal rei de Goim, Amrafel rei de Xinar e Arioc rei de Elasar. Catro reis contra cinco.
10O val está acugulado de pozos de betume. Os reis de Sodoma e de Gomorra caeron neles e os outros fuxiron á montaña. 11Os inimigos repañaron os bens e as provisións todas de Sodoma e de Gomorra, e fóronse con elas. 12O marcharen, levaron tamén consigo a Lot, sobriño de Abram, que habitaba en Sodoma, e as súas posesións.
Abraham envolto na loita
13Chegou un fuxitivo e contoulle todo a Abram o hebreo, que habitaba na carballeira de Mambré o amorreo, parente de Excol e de Aner, aliados de Abram. 14Cando este oíu que o seu sobriño estaba preso, mobilizou trescentos dezaoito dos seus criados adestrados, nacidos na súa casa, e perseguiu os inimigos ata Dan. 15Dispuxo contra eles os seus homes, e de noite botouse enriba deles e mallounos. Logo perseguiunos ata Hoba, ó norte de Damasco 16e recobrou todos os bens, e tamén a Lot seu sobriño, coas súas posesións, as súas mulleres e toda a súa xente.
Abraham e Melquisédec
17Cando Abram tornaba de derrotar a Codorlaomer e ós seus aliados, saíu ó seu encontro o rei de Sodoma, no val de Xaveh, que é o val do rei. 18Melquisédec, rei de Salem, sacerdote do Deus Altísimo, sacou pan e viño 19e bendiciu a Abram con estas palabras:
—"Bendito sexa Abram polo Deus Altísimo, que fixo ceo e terra.
20Bendito sexa o Deus Altísimo,
que puxo os teus inimigos na túa man".
Abram deulle a Melquisédec o décimo de toda a súa presa.
21O rei de Sodoma díxolle a Abram: —"Dáme os homes, e garda para ti as posesións". 22Pero Abram respondeulle: —"Xuro polo Señor, o Deus Altísimo, que fixo ceo e terra, 23que non collerei nada teu, nin un fío nin o amalló dunha sandalia, para que non poidas dicir: Enriquecín a Abram. 24Poñéndome a min fóra da conta, soamente acepto o que comeron os meus servos e o que lles corresponde ós que me acompañaron, Aner, Excol e Mambré. Eles, que collan o que é seu".

Currently Selected:

Xénese 14: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in