Xénese 18
18
Teofanía en Mambré
1O Señor apareceuse na carballeira de Mambré a Abraham, estando este sentado á entrada da súa tenda, nas horas da calor. 2Abraham ergueu os ollos e viu tres homes de pé diante del. En véndoos, correu ó seu encontro, desde a entrada da tenda, e prostrouse, 3dicindo: —"Meu Señor, se merezo o teu favor, non pases sen te deteres onda o teu servo. 4Farei traer unha pouca auga, bañaredes os pés e descansaredes baixo a árbore. 5Coa mesma e xa que pasades por onda o voso servo, traerei un anaco de pan. Repararedes con el as forzas, para logo seguirdes camiño".
Responderon eles: —"Está ben. Fai como dis".
6Abraham correu á tenda onda Sara, para lle dicir: —"Trae tres cuncas de flor de fariña, axiña: amásaa, e prepara unha bica". 7E el foi correndo ó cortello, colleu o vitelo máis tenro e mellor, e deullo a un criado, para que o guisase ó momento. 8Despois, co vitelo guisado, colleu manteiga e leite, e servíullelos. Mentres eles comían, el estaba ó seu lado baixo a árbore.
9Nisto eles preguntáronlle: —"Onde está Sara, túa muller?"
El respondeu: —"Aí dentro, na tenda".
10E un deles engadiu: —"Volverei verte para o ano, e entón Sara a túa muller, terá un fillo". Sara oíu o que dicía, detrás da entrada da tenda. 11Abraham e Sara eran vellos, moi entrados en anos, e ela xa deixara de ter a regra das mulleres. 12Sara riu ás escondidas, de pensar: —"Despois que estou acabada e o meu home vello, coñecerei aínda o pracer?"
13Mais o Señor díxolle a Abraham: —"Por que ri Sara, dicindo: Será certo que vou ter un fillo ós meus anos? 14Hai cousa que non poida o Señor? De hoxe nun ano, cando eu volva, Sara terá un fillo".
15A Sara estáballe entrando medo, e negou: —"Non rin". Pero el insistiu: —"Non o negues: ti riches".
Intercesión por Sodoma
16Os homes erguéronse de alí e ollaron cara a Sodoma. Abraham acompañábaos para lles dar a despedida. 17O Señor dixo para si: —"Voulle esconder a Abraham o que penso facer? 18Abraham converterase nun pobo grande e podente e nel veranse benditas todas as nacións da terra. 19Escollino para que lles mande a seus fillos, a toda a súa casa e ós seus descendentes mantérense nos camiños do Señor, obrando con rectitude e con xustiza, de xeito que o Señor lle outorgue a Abraham o que lle prometeu".
20O Señor seguiu dicindo: —"O clamor contra Sodoma e Gomorra é moi grande; o seu pecado é grave. 21Vou baixar e ver se este clamor que chega onda min corresponde cos feitos; e se non, sabereino". 22Os homes dirixíronse desde alí cara a Sodoma, pero Abraham quedou diante do Señor. 23Abraham adiantouse cara ó Señor e preguntoulle: —"Por caso aniquilarías os inocentes cos culpables? 24Se houbese cincuenta xustos na cidade, aniquilaríalos tamén, e non perdoarías o lugar por mor dos cincuenta xustos que houber nel? 25Lonxe de ti facer tal cousa! Matar o inocente co culpado, e que teñan os dous a mesma sorte. Lonxe de ti! O que xulga a terra enteira, non vai facer xustiza?"
26O Señor respondeu: —"Se houbese cincuenta xustos en Sodoma, perdoaría a toda a cidade por mor deles".
27Abraham insistiu: —"Perdoa o atrevemento de lle falar ó meu Señor, sendo eu po e cinsa. 28Se para cincuenta xustos faltan cinco, aniquilarías por culpa dos cinco toda a cidade?"
Respondeu o Señor: —"Non a destruirei, se atopo corenta e cinco".
29Abraham insinuou: —"Se cadra, hai corenta".
El respondeu: —"Non o farei, en vista dos corenta".
30Abraham dixo: —"Que non se enfade o meu Señor, se volvo falar aínda. E se houbese trinta?"
El respondeu: —"Non o farei, se atopo trinta".
31Abraham teimou aínda: —"Voume atrever a lle falar outra vez ó meu Señor. Podería ser que houbese vinte".
Respondeu o Señor: —"Non a destruirei en graza ós vinte".
32Abraham dixo: —"Que non se alporice o meu Señor, e falarei aínda unha vez. E se houbese dez?"
El respondeu: —"Non a destruirei por mor dos dez".
33Desque acabou de falar con Abraham, o Señor retirouse, e Abraham volveu ó seu lugar.
Currently Selected:
Xénese 18: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT