YouVersion Logo
Search Icon

Xénese 19

19
Corrupción de Sodoma
1Os dous anxos chegaron pola tarde a Sodoma. Estaba Lot sentado á porta da cidade e, en véndoos, ergueuse para ir ó seu encontro, e saudounos, prostrándose por terra. 2Díxolles Lot: —"Pídovos, meus señores, que veñades á casa do voso servidor, para pasar a noite nela. Lavaredes os pés e, de mañá, seguiredes camiño".
Responderon eles: —"Non. Durmiremos na praza".
3Pero Lot porfioulles tanto, que o seguiron, e entraron na súa casa. El preparoulles comida, coceu pan, e eles cearon. 4Aínda non se deitaran, cando os homes de Sodoma, desde os rapaces ós vellos, toda a cidade a feito, rodearon a casa, 5e chamaban por Lot, preguntando: —"Onde están os homes que entraron na túa casa esta noite? Sácanolos fóra. Queremos achegarnos a eles".
6Pechando a porta tras de si, Lot saíu fóra, e faloulles: 7—"Pídovos, irmáns, que non fagades este mal. 8Mirade, teño dúas fillas, que non se xuntaron aínda con ningún home. Daréivolas, e facede con elas o que vos pareza ben. Pero non lles fagades nada a estes homes, que se acolleron á sombra do meu teito".
9Responderon eles: —"Arreda de aí! Este que veu de fóra, pretende ser o noso xuíz. Agora tratarémoste a ti peor ca a eles". Empuxaron contra Lot, e por pouco non botaron abaixo a porta da casa. 10Niso os dous visitantes alongaron as mans, tiraron de Lot para dentro e pecharon a porta da casa. 11E ós que estaban á entrada, desde os pequenos ós grandes, feríronos de cegueira, e non puideron dar coa porta.
Lot salvado da morte
12Os dous homes dixéronlle a Lot: —"Que xente da túa tes aquí? Cantos parentes teñas na cidade, xenros, fillos, fillas, sácaos do lugar, 13pois imos aniquilalo. O clamor contra El chegou onda o Señor, e mandounos destruílo".
14Lot saíu para lles dicir ós xenros, que desposaran a súas fillas: —"Dispoñédevos para abandonar este lugar, pois o Señor destrúe a cidade". Pero eles collérono a riso.
15Os anxos, ó amañecer, espertaron a Lot: —"Érguete, e leva de aquí a túa muller e as dúas fillas, non sexa que perezades coa cidade". 16Como el se demorase, agarrárono da man, a el, á súa muller e as dúas fillas. Pola compaixón de Deus con el, sacáronos e deixáronos fóra da cidade. 17Alí fóra dixéronlle: —"Fuxe, salva a túa vida. Non olles para atrás. Non te deteñas nesta veiga. Corre á montaña, se non queres perecer".
18Lot respondeulle: —"Non, Señor meu, por favor. 19Xa que mostraches o teu favor a este teu servo e me trataches con amor, salvándome a vida, mira que non vou poder chegar ata a montaña, antes de que me acade a desgraza e morra. 20Aí preto está esa pequena vila, para fuxir alá e salvar a vida nela. Non é cousa ben pequena? E alí salvarei a vida".
21El respondeulle: —"Tamén che concederei este favor de non destruír a vila da que falas. 22Corre de présa e ponte a salvo nela, pois non podo facer nada ata que ti chegues alá". Por iso puxéronlle a esa vila o nome de Soar. 23O sol saía polo horizonte cando Lot chegou a Soar.
Aniquilamento de Sodoma
24O Señor fixo chover sobre Sodoma e Gomorra xofre e lume desde o ceo. 25Destruíu as cidades e a veiga ó arredor, cos seus moradores todos e coa súa vexetación. 26A muller de Lot mirou para atrás, e trocouse en estatua de sal. 27Abraham ergueuse cedo, para ir de contado ó lugar onde estivera co Señor. 28Ollou cara a Sodoma, Gomorra e toda a veiga, e viu que do chan subía fume, coma fume dun forno. 29O destruír as cidades da veiga, Deus pensou en Abraham, e librou a Lot do aniquilamento das cidades onde estaba.
As fillas de Lot
30Lot subiu de Soar e asentou coas súas dúas fillas na montaña, pois tivo medo de quedar en Soar. Vivía nunha cova coas dúas fillas. 31A máis vella díxolle á máis nova: —"O noso pai é vello e por aquí non hai un home que se achegue a nós, como se fai en todos os lados. 32Imos emborrachar ó noso pai, e logo deitarémonos con el, e teremos fillos del". 33Aquela mesma noite emborracharon a seu pai, e a máis vella deitouse con el. Pero el non se decatou de cando ela se deitou nin de cando se ergueu. 34O seguinte día díxolle a máis vella á máis nova: —"Onte deiteime eu con meu pai. Emborracharémolo tamén esta noite, e déitaste ti con el. Deste xeito teremos fillos da súa mesma semente". 35Emborrachárono tamén aquela noite, e a máis nova deitouse onda el, sen que el se decatase de cando se deitou nin de cando se ergueu.
36As dúas fillas de Lot quedaron embarazadas de seu pai. 37A máis vella pariu un fillo, e puxéronlle o nome de Moab. Este é o devanceiro dos moabitas de hoxe. 38Tamén a máis nova tivo un fillo, e puxéronlle Benamí. Este é o devanceiro dos amonitas de hoxe.

Currently Selected:

Xénese 19: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in