Xénese 20
20
Abraham e Abimélec
1Abraham colleu o camiño cara ó Négueb e asentou entre Cadex e Xur. Residiu tamén por un tempo en Guerar. 2Abraham dicía que Sara a súa muller, era súa irmá, e Abimélec, rei de Guerar, mandou que lla trouxesen.
3Pero Deus aparecéuselle de noite nun soño a Abimélec e ameazouno: —"Vas morrer por causa da muller que tomaches, pois ten home".
4Abimélec non a tocara aínda, e respondeu: —"Señor, matarías tamén un inocente? 5Non me dixo el que ela era súa irmá, e ela que el era seu irmán? Con intención sincera e mans limpas fixen isto".
6Deus díxolle en soños: —"Sei que o fixeches con recta intención. Por iso eu gardeite de que pecases, non deixei que a tocases. 7Agora vólvelle a muller a seu home que é profeta, e el pregará por ti para que vivas. Pero se non lla volves, ten por certo que morrerás, ti e todos os teus".
8Abimélec ergueuse cedo, chamou a toda a súa xente e contoulles o que pasaba. Todos colleron moito medo. 9Despois Abimélec chamou a Abraham para dicirlle: —"Que fixeches connosco? En que che faltei eu, para botares enriba de min e do meu reino este pecado tan grande? Fixéchesme o que non se fai. 10Que buscabas ó faceres isto?"
11Abraham respondeulle: —"Pensei para min: Quizais neste país non teñen temor de Deus, e mataranme por causa da miña muller. 12Polo demais tamén é certo que ela é miña irmá, filla do mesmo pai, aínda que non da mesma nai, e eu tomeina por muller. 13Cando Deus me levou lonxe da casa de meus pais, díxenlle así: Vasme facer este favor: en calquera lugar a onde cheguemos, di que eu son teu irmán".
14Abimélec colleu ovellas, vacas, servos e servas, e deullos a Abraham. E volveulle a Sara, súa muller. 15E díxolle: —"Aí tes diante de ti a miña terra. Asenta onde che pareza". 16E a Sara díxolle: —"Ves que lle dei mil moedas de prata a teu irmán. Será o veo dos teus ollos diante de todos os teus. Quedas xustificada".
17Abraham intercedeu, e Deus sandou a Abimélec, á súa muller e ás súas concubinas, e puideron ter fillos outra vez, 18pois Deus pechara todo útero na familia de Abimélec, por causa de Sara, muller de Abraham.
Currently Selected:
Xénese 20: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT