YouVersion Logo
Search Icon

Xoán 12

12
María unxe a Xesús en Betania: 12, 1-11
1Seis días antes da Pascua, foi Xesús a Betania, onde estaba Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos. 2Fixéronlle alí unha cea. Marta servía, mentres que Lázaro era un dos comensais.
3Entón María, collendo unha libra de perfume de nardo puro, de moito prezo, unxiu os pés de Xesús e enxugoullos cos seus cabelos. A casa quedou chea do recendo do perfume.
4Pero Xudas, o Iscariote, un dos seus discípulos, o que o había de entregar, dixo:
5Por que non se vendeu ese perfume por trescentos denarios, e non se lles deron ós pobres?
6Dixo isto non porque tivese interese polos pobres, senón porque era ladrón e, tendo el a bolsa, botaba man do que se metía nela.
7Pero Xesús replicou:
Déixaa estar: que garde isto para o día do meu enterro; 8pois ós pobres sempre os tedes entre vós, mentres que a min non sempre me ides ter.
9Unha chea de xente de entre os xudeus soubo entón que el estaba alí e viñeron non só por Xesús, senón tamén para veren a Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos. 10Pero os sumos sacerdotes decidiron matar tamén a Lázaro, 11pois moitos, por causa del, fuxían dos xudeus e crían en Xesús.
Entrada triunfal en Xerusalén: 12, 12-19
12O outro día, a xente que viñera á festa, oíndo que Xesús viña a Xerusalén, 13Apañou ramas das palmeiras e saíulle ó encontro exclamando:
Hosanna!:
Bendito o que vén no nome do Señor,
o Rei de Israel!.
14Xesús atopou un burriño, e montou nel, conforme está escrito:
15Non temas, filla de Sión,
mira que vén o teu rei,
montado nun burriño.
16O comezo os seus discípulos non comprenderon estas cousas; pero cando Xesús foi glorificado, entón lembráronse de que estaban escritas del e que así llas fixeron.
17As persoas que estaban con el cando mandara a Lázaro saír da sepultura e o resucitara de entre os mortos, daban público testemuño. 18Tamén lle saíu ó encontro a xente, pois oíran que el fixera este sinal. 19Pero os fariseos dixeron entre eles: "Vedes que non conseguides nada; mirade para aí: todo o mundo foi detrás del".
Sinais da proximidade da hora: 12, 20-36
20Algúns dos que subían a adorar no día da Festa eran gregos. 21Achegáronse a Filipe, o de Betsaida de Galilea, e pedíronlle:
Señor, queremos ver a Xesús.
22Foi Filipe e díxollo a Andrés; Andrés e mais Filipe foron dicirllo a Xesús. 23Xesús respondeulles:
Chegou a hora de que sexa glorificado o Fillo do Home. 24Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra pero non morre, quedará el só; pero se morre, dará froito abondoso. 25Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. 26Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estou eu, estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve, hao honrar o Pai. 27Agora o meu espírito está turbado. E que hei de dicir: Pai, sálvame desta hora? Pero se para iso cheguei a esta hora! 28Pai, glorifica o teu Nome.
Chegou entón unha voz do ceo:
Xa o glorifiquei, e glorificareino aínda de novo.
29O oílo o xentío alí presente, dicía que fora un trono; outros dicían: "faloulle un anxo". 30Xesús interveu dicindo:
Esta voz non foi por min, senón por vós. 31Agora é o xuízo deste mundo; agora ó príncipe deste mundo vano botar fóra. 32E eu, cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min.
33Dicía isto, indicando de que morte había de morrer. 34Respondeulle entón a xente:
Nós coñecemos pola Lei que o Mesías permanece para sempre; como dis ti que ten que ser erguido o Fillo do Home? Quen é ese Fillo do Home?
35Xesús contestoulles:
Aínda por un pouco estará a luz entre vós. Camiñade mentres tedes a luz, para que a tebra non vos atrape: quen camiña na tebra, non sabe para onde vai. 36Mentres tedes a luz, crede na luz, para que vos volvades fillos da luz.
Xesús en falando estas cousas, fuxiu e agachouse deles.
Conclusión do ministerio público de Xesús: 12, 37-50
37Pero, mesmo facendo Xesús tantos dos seus signos diante deles, non creron nel, 38de xeito que se cumprise a palabra que dixo o profeta Isaías:
Señor, quen creu na nosa predicación?
E a quen se manifestou o brazo do Señor?
39Por iso non podían crer, pois tamén dixo Isaías:
40Cegou os seus ollos
e endureceu os seus corazóns,
non sexa que os seus ollos vexan
e a súa mente entenda e se convertan
e eu os salve.
41Dixo isto Isaías, pois viu a súa gloria e falou del.
42Con todo, moitos, tamén de entre as autoridades, creran nel, mais por causa dos fariseos non o confesaban, para que non os apartasen da sinagoga, 43pois preferiron a gloria dos homes antes cá gloria de Deus.
44Xesús gritou:
Quen cre en min, realmente non cre en min, senón naquel que me mandou; 45e quen me ve a min, ve a quen me mandou. 46Eu son a luz que veu ó mundo, para que todo o que cre en min non permaneza nas tebras.
47Se alguén escoita as miñas palabras e non as garda, eu non o xulgo, pois non vin para xulgar o mundo, senón para o salvar. 48Quen me despreza e non recibe as miñas palabras, ten quen o xulgue: a palabra que eu falei hao xulgar no derradeiro día.
49Porque eu non falei pola miña conta, senón que o mesmo Pai, que me mandou, deume a encomenda do que debo dicir e do que hei de falar. 50E eu sei que a súa encomenda é vida eterna. Por iso, as cousas que eu falo, fáloas como mas dixo o Pai.

Currently Selected:

Xoán 12: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in