Xoán 19
19
Xesús condenado a morte: 19, 1-16
1Entón Pilato colleu a Xesús e mandouno azoutar. 2Os soldados, tecendo unha coroa con espiños, puxéronlla na cabeza, vestíronlle un manto de púrpura, 3e, inclinándose diante del, dicíanlle: "Salve, Rei dos Xudeus!". E dábanlle labazadas.
4Pilato saíu outra vez fóra e díxolles:
Mirade, tráiovolo fóra, para que vos decatedes de que non atopo nel culpa ningunha.
5Entón saíu fóra Xesús, levando a coroa de espiños e o manto de púrpura. Pilato díxolles:
Velaquí o home.
6Cando o viron, os sumos sacerdotes e os gardas berraron:
Crucifícao, crucifícao!
Pilato respondeulles:
Collédeo vós e crucificádeo, que eu non atopo culpa nel.
7Os xudeus replicaron:
Nós temos unha Lei, e conforme a Lei debe morrer, por se facer Fillo de Deus.
8Cando Pilato oíu estas palabras, colleu moito medo, 9entrou outra vez no Pretorio e preguntoulle a Xesús:
De onde es ti?
Pero Xesús non lle deu unha fala. 10Entón Pilato insistiu:
Comigo non falas? Non sabes que teño poder para soltarte e poder para crucificarte?
11Xesús respondeulle:
Non terías ningún poder sobre min, se non cho desen de arriba. Por iso, o que me entregou a ti ten maior pecado.
12Despois disto Pilato procuraba liberalo. Pero os xudeus berraban:
Se soltas a ese, non es amigo do César: todo o que se fai rei, oponse ó César.
13Pilato, oídas estas palabras, levou para fóra a Xesús e sentouno no tribunal, no sitio nomeado "O lousado", en hebreo "gábaza". 14(Era o día da Preparación da Pascua, alá contra as doce do día).
Díxolles ós xudeus:
Velaquí o voso rei.
15Pero eles berraban:
Fóra, fóra! Crucifícao!
Pilato preguntoulles:
Pero como vou crucificar o voso rei?
Os sumos sacerdotes insistiron:
Non temos máis rei có César.
16Daquela, entregóullelo para que o crucificasen.
Crucifixión de Xesús: 19, 16-27
Entón colleron a Xesús. 17Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo. 18Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado, e Xesús no medio.
19Escribiu Pilato un título e púxoo na cruz. O escrito era: Xesús o Nazareno, o Rei dos Xudeus. 20Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi crucificado estaba cerca da vila, e estaba escrito en hebreo, latín e grego. 21Os sumos sacerdotes dixéronlle a Pilato:
Non escribas "O Rei dos Xudeus", senón que el dixo "Son Rei dos Xudeus".
22Pilato respondeu:
O escrito, escrito está.
23Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del e fixeron catro partes, unha parte para cada soldado, e mais a túnica. Era a túnica sen costura, tecida dunha peza de arriba abaixo. 24E falaron entre eles:
Non a rachemos: sorteémola a ver a quen lle toca.
Así cumpriuse a Escritura, que di:
Repartiron entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica.
Tal fixeron os soldados.
25O pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais María a Magdalena. 26Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
Muller, velaí o teu fillo.
27Despois díxolle ó discípulo:
Velaí a túa nai.
Desde aquela hora o discípulo acolleuna con el.
Morte de Xesús: 19, 28-37
28Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo: "Teño sede". 29Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. 30Cando probou Xesús o vinagre dixo: Está cumprido. E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.
31Entón os xudeus, como era o Día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado pois era grande aquel día de sábado, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.
32Viñeron, logo, os soldados, e rompéronlles as pernas ó primeiro e mais ó outro que crucificaran con el. 33Pero ó chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, 34senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga.
35Quen o viu, dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. 36Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: "Non lle crebarán óso ningún". 37E noutro lugar di: Han mirar para quen traspasaron.
Sepultura de Xesús: 19, 38-42
38Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús aínda que ás agachadas, por medo ós xudeus, rogoulle a Pilato que lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pilato accedeu. Foi e retirou o corpo. 39Foi tamén Nicodemo aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite, levando unha mestura de mirra e áloe de case cen libras.
40Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os xudeus, enfaixárono en panos, con aromas. 41No sitio onde crucificaran a Xesús había un xardín, e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén. 42Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba cerca.
Currently Selected:
Xoán 19: ABGS
Highlight
Share
Copy
![None](/_next/image?url=https%3A%2F%2Fimageproxy.youversionapistaging.com%2F58%2Fhttps%3A%2F%2Fweb-assets.youversion.com%2Fapp-icons%2Fen.png&w=128&q=75)
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT