Xoán 7
7
Incredulidade dos parentes de Xesús: 7, 1-9
1E despois disto, andaba Xesús pola Galilea, pois non quería andar pola Xudea, porque os xudeus queríano matar.
2Estaba a chegar a festa dos xudeus chamada "das Tendas".
3Dixéronlle entón seus irmáns:
Sae de aquí e vai para Xudea, para que tamén os teus discípulos vexan as obras que fas; 4porque quen quere ser famoso non actúa ás agachadas. Se fas esas cousas, móstrate ó mundo. 5(Era visto que nin seus irmáns crían nel).
6Xesús contestoulles:
O meu tempo aínda non chegou, pero o voso sempre está á man. 7Non pode o mundo aborrecervos a vós; pero a min aborréceme, porque eu testemuño contra el que as súas obras son ruíns. 8Subide vós á festa: eu non subo, que aínda non chegou o meu tempo.
9Despois desta conversa quedou na Galilea. 10Pero cando seus irmáns xa subiran á festa, entón tamén el subiu, non manifestamente, senón en secreto.
Xesús na Festa das Tendas: 7, 10-52
11Entón os xudeus buscábano na festa, e dicían:
Onde está ese? 12E polo baixo a xente falaba moito del. Uns dicían: "é un bo home"; outros, ó revés: "nada, nada: é un enredante". 13Mais ninguén falaba del en público, por medo ós xudeus.
14A iso da metade da festa, subiu Xesús ó templo e púxose a ensinar.
15Admirábanse entón os xudeus, dicindo:
Como é que este sabe todo o que sabe sen estudalo?
16Respondeulles Xesús:
A miña doutrina non é miña, senón daquel que me mandou.
17Se alguén quere facer a vontade de Deus, distinguirá se esta doutrina vén de Deus ou se é que eu falo pola miña conta. 18Quen fala pola súa conta, busca a propia gloria; polo contrario, quen procura o prestixio de quen o mandou, ese é veraz e non hai inxustiza nel. 19Non vos deu Moisés a Lei? E, con todo, ningún de vós a garda. Por que me queredes matar?
20Respondeu a xente:
Seica tes o demo! Quen te quere matar a ti?
21Xesús replicou:
Fixen unha obra só, e todos vos marabillades. 22Vexamos, logo, unha cousa. Moisés deuvos a circuncisión (que, ben mirado, non vén de Moisés, senón dos Pais) e, aínda que sexa sábado, vós circuncidades un home. 23E se circuncidades un home en sábado, sen quebrantardes a Lei de Moisés, como é que vos alporizades comigo, porque curei en sábado a un home enteiro? 24Non xulguedes pola aparencia, non; xulgade conforme á xustiza.
25Algúns dos habitantes de Xerusalén comentaban:
Non é a este ó que lle trataban a morte? 26Pois mira como fala á vista de todo o mundo e mais non lle din nada. Será que de verdade as autoridades chegaron a recoñecer que el é o Mesías? 27O caso é que este sabemos de onde é; mentres que o Mesías, cando veña, ninguén saberá de onde é.
28Gritou entón Xesús, mentres ensinaba no templo:
Así que a min coñecédesme e sabedes de onde son? Pois non vos vin pola miña conta; a min mandoume o Veraz, a quen vós non coñecedes. 29Eu coñézoo, que de onda El son e foi El quen me mandou.
30Daquela trataban de prendelo; pero ninguén lle botou man: aínda non chegara a súa hora. 31Moita xente creu nel e dicía:
E o Mesías, cando veña, fará máis sinais ca este?
32Oíron os fariseos que o pobo andaba nestes falares e entón eles e mais os xefes dos sacerdotes mandaron gardas para o prenderen. 33Dixo entón Xesús:
Aínda estarei un pouquiño máis entre vós, e despois voume onda Aquel que me mandou. 34Buscar buscarédesme, pero non me encontraredes, pois onde eu estea vós non poderedes vir.
35Dixéronlles uns xudeus a outros:
Para onde irá este, que non o poidamos atopar? Irá quizais para onda os emigrantes en terras dos gregos, predicarlles a eles? 36Que significará iso que dixo, "buscar, buscarédesme, pero non me encontraredes", e "onde estea eu vós non poderedes vir"?
37No derradeiro día, o máis grande da festa, púxose Xesús de pé, e gritou:
Se alguén ten sede, que veña onda min e beba quen cre en min. 38Como di a Escritura, deitaranlle do seu ventre regueiros de auga viva. 39(Isto dicíao do Espírito que habían recibir cantos creran nel: pois aínda non había Espírito, porque Xesús non fora aínda glorificado).
40Cando oíron isto, algúns de entre a xente, dicían: "Este é verdadeiramente o Profeta". 41Outros: "Este é o Mesías". Outros, en cambio, dicían: "Pero é que o Mesías vai vir da Galilea? 42Non di a Escritura que o Mesías ha vir da semente de David, e de Belén, a vila de onde era David?"
43E houbo división no pobo, por causa del. 44Algúns queríano prender, pero ninguén lle puxo enriba as mans.
45Foron entón os gardas onda os xefes dos sacerdotes e os fariseos. Eles preguntáronlles:
Por que non o trouxestes?
46Responderon os gardas:
Nunca ninguén falou así coma este home.
47Respondéronlles os fariseos:
Seica vos engaiolou tamén a vós? 48Vistes que algún dos maxistrados ou dos fariseos crese nel? 49Non. E a xente esa, que non coñece a Lei, son uns malditos.
50Un deles, Nicodemo, o que fora primeiro onda el, dixo:
51Desde cando a nosa Lei xulga un home sen antes escoitalo e investigar o que fixo?
52Respondéronlle:
Tamén ti es da Galilea? Pois estuda e verás como da Galilea non sae profeta ningún.
53E fóronse cada un para a súa casa
Currently Selected:
Xoán 7: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT