YouVersion Logo
Search Icon

Xoán 8

8
Xesús perdoa a unha adúltera: 7, 53-8, 11
1E Xesús saíu para o Monte das Oliveiras. 2Pero á alborada, presentouse outra vez no templo e toda a xente veu onda el; el sentouse e empezou a ensinar.
3Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio; puxérona no medio e medio e 4preguntáronlle:
Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. 5Moisés, na Lei, mandounos apedrar a esta xente. Ti que dis?
6Preguntábanllo á mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. 7Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:
Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra, 8E, abaixándose outra vez, escribía na terra. 9Pero eles, ó que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou el só coa muller, que seguía no medio. 10Ergueuse entón e preguntoulle:
Muller onde van? Ninguén te condenou?
11Ela respondeulle:
Ninguén, Señor.
Díxolle Xesús:
Tampouco eu non te condeno: vaite e desde agora non peques máis.
Xesús, a luz do mundo: 8, 12-20
12Xesús faloulles outra vez:
Eu son a luz do mundo: quen me segue, non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida.
13Dixéronlle entón os fariseos:
Ti fas de testemuña en causa propia: o teu testemuño non vale.
14Xesús replicoulles:
Aínda que eu faga de testemuña en causa propia, o meu testemuño é válido, porque eu ben sei de onde vin e a onde vou; mentres que vós non sabedes de onde veño nin onde vou. 15Os vosos xuízos seguen normas humanas, mentres que eu non xulgo a ninguén. 16E aínda que eu xulgase, o meu xuízo sería válido, porque non sería eu só a xulgar, senón eu e mais quen me mandou. 17E na vosa Lei está escrito que o testemuño de dúas testemuñas é valedoiro. 18Eu dou testemuño de min mesmo, pero tamén o dá o Pai que me mandou.
19Entón eles preguntáronlle:
Onde está teu Pai?
Xesús respondeulles:
Nin me coñecedes a min, nin a meu Pai; se me coñecésedes a min, coñeceriades tamén a meu Pai.
20Estas cousas díxoas el cando ensinaba no templo, no adro do tesouro; e ninguén o prendeu, porque aínda non chegara a súa hora.
A onde vou eu, vós non podedes vir: 8, 21-30
21Díxolles outra vez:
Eu voume e habédesme buscar e morreredes no voso pecado: onde eu vou, vosoutros non podedes vir.
22Dicían entón os xudeus:
El irase matar, porque di "onde vou eu, vosoutros non podedes vir"?
23El seguiulles dicindo:
Vós sodes de aquí abaixo, eu son de alá arriba; vós sodes deste mundo, eu non son deste mundo. 24Díxenvos que habedes morrer nos vosos pecados; como non creades que "Eu son", morreredes nos vosos pecados.
25Preguntáronlle entón:
Pero, logo, ti quen es?
Xesús contestoulles:
O que vos veño dicindo desde o comezo. 26Moito tería que falar de vós e xulgalo; mais quen me mandou é veraz e eu só lle falo ó mundo do que lle oín a El.
27Pero eles non coñeceron que lles falaba do Pai. 28Entón Xesús continuou:
Cando ergades o Fillo do Home, entón comprenderedes que "Eu son", e que non fago nada pola miña conta, senón que falo do que o Pai me ensinou. 29E quen me mandou está comigo: non me deixou só, pois eu fago sempre o que a El lle agrada.
30O dicir estas cousas, moitos creron nel.
A verdade faravos libres: 8, 31-38
31E ós xudeus que creran nel dicíalles Xesús:
Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus; 32e coñeceredes a verdade e a verdade faravos libres.
33Eles respondéronlle:
Somos semente de Abraham e endexamais non fomos escravos de ninguén; como, logo, dis ti "seredes libres"?
34Respondeulles Xesús:
Con toda verdade volo aseguro: quen comete o pecado é escravo. 35E o escravo non queda para sempre na casa; o fillo queda para sempre. 36Logo, se o Fillo vos libera, seredes libres de verdade. 37Ben sei que sodes semente de Abraham, pero tratades de me matar, porque a miña palabra non prende en vós. 38Eu falo do que vin onda o Pai; e vós facedes o que oístes de voso pai.
Voso pai é o demo: 8, 39-48
39Eles respondéronlle:
O noso pai é Abraham.
Xesús replicoulles:
Se fósedes fillos de Abraham fariades as obras de Abraham, 40mais agora procurades matarme, a min, que os dixen a verdade que oín de Deus: iso non o fixo Abraham. 41Vós facedes as obras de voso pai.
Dixéronlle:
Nós non nacemos da prostitución: temos un pai, Deus.
42Contestoulles Xesús:
Se o voso pai fose Deus, amariádesme a min porque eu de Deus saín e veño. Pois non vin por min mesmo, senón que El me enviou. 43Por que non comprendedes a miña fala? Porque non podedes escoitar a miña palabra. 44Vós sodes de voso pai o Satán, e queredes realizar os desexos de voso pai. Este foi asasino desde o comezo e non afincou na verdade, que nel non hai verdade. Se fala falsidade, fala do seu, pois é mentireiro e pai da mentira. 45Polo contrario, a min, porque vos digo a verdade, non me credes. 46Veña! Que probe un de vós que estou en pecado! Se vos falo a verdade, por que non me credes? 47Quen é de Deus, escoita as palabras de Deus; por iso vós non escoitades, porque non sodes de Deus.
48Os xudeus replicáronlle:
Non dicimos con razón que ti es un samaritano e que tes o demo no corpo?
Xesús, anterior a Abraham: 8, 49-59
49Xesús respondeulles:
Eu non teño demo ningún, eu respecto a meu Pai; e vós estádesme inxuriando. 50Eu non procuro o meu prestixio: hai quen o fai xa, e El fará xustiza. 51Con toda verdade volo aseguro: quen fai caso da miña palabra, non morrerá endexamais.
52Entón dixéronlle os xudeus:
Agora si que vemos que tes o demo: Abraham morreu e os profetas tamén, e ti dis "quen fai caso da miña palabra, non morrerá endexamais". 53Seica es ti máis có noso pai Abraham, que morreu? E os profetas tamén morreron Por quen te queres facer pasar?
54Xesús respondeu:
Se eu me dou gloria a min mesmo, a miña gloria nada vale: pero quen me dá gloria é meu Pai, de quen vós dicides que é voso Deus. 55Pero non o coñecedes, mentres que eu si o coñezo. Se dixese que non o coñezo, sería un mentireiro, coma vós; pero eu coñézoo e axústome á súa palabra. 56Voso pai Abraham encheuse de ledicia na esperanza de ver o meu día; viuno e alegrouse.
57Dixéronlle entón os xudeus:
Aínda non tes cincuenta anos e xa viches a Abraham?
58Xesús contestoulles:
Con toda verdade volo aseguro: antes que Abraham chegase a existir, "Eu son".
59Entón colleron pedras para llas tiraren, pero Xesús agachouse e saíu do Templo.

Currently Selected:

Xoán 8: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in