YouVersion Logo
Search Icon

Lucas 1

1
Prólogo
1Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, 2tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e mais os predicadores da palabra, 3decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, ilustre Teófilo, 4A fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que te instruíron.
NACEMENTO E VIDA OCULTA DE XOÁN BAUTISTA E DE XESÚS
Anuncio do nacemento de Xoán
5Houbo no tempo de Herodes, rei de Xudea, un sacerdote chamado Zacarías, do grupo de Abías, casado cunha muller descendente de Aharón, chamada Isabel. 6Ambos eran xustos ante Deus, pois gardaban sen fallas os seus mandamentos e preceptos.
7Non tiñan fillos, por ser Isabel estéril e estaren os dous moi entrados en anos. 8E resulta que, estando el exercendo o sacerdocio diante de Deus, segundo a quenda do seu grupo, 9entrou no Santuario do Señor, conforme o ritual, para ofrecer o incenso, 10mentres a xente do pobo facía oración fóra. 11Nisto, á dereita do altar do incenso, de pé, aparecéuselle un anxo do Señor. 12Zacarías, ó velo, turbouse todo, cheo de temor. 13Mais o anxo díxolle:
Acouga, Zacarías, que se escoitou a túa petición, e Isabel, a túa muller, vaiche dar un fillo, e vaslle chamar Xoán.
14Será para ti gozo e alegría, e moitos se alegrarán co seu nacemento. 15Será grande ante o Señor e non beberá nin viño nin licor. Desde o mesmo ventre da súa nai estará cheo do Espírito Santo. 16Converterá a moitos fillos de Israel ó Señor, o seu Deus. 17Camiñará diante del co espírito e poder de Elías, para reconciliar pais con fillos, ensinarlles ós rebeldes o proceder dos xustos e preparar así un pobo ben disposto para o Señor.
18Preguntoulle Zacarías ó anxo:
E como me constará iso a min, que xa vou vello e a miña muller tamén xa pasa dos anos?
19O anxo respondeu:
Eu son Gabriel, o que estou preto de Deus e mandoume para falar contigo e darche esta boa nova. 20E fíxate ben: vas quedar mudo e non poderás falar ata o día no que aconteza todo isto, xa que non criches nas miñas palabras que se han cumprir no seu tempo.
21E, mentres, o pobo esperaba por Zacarías, sorprendido de que se demorase tanto dentro do Santuario. 22Cando por fin saíu, sen lles poder falar, comprenderon que tivera algunha visión no Santuario. El facíalles acenos, permanecendo mudo. 23E, cando rematou o tempo do seu ministerio, foise para a súa casa.
24Días despois, concibiu a súa muller Isabel, que se ocultou durante cinco meses. E dicía para si:
25Isto é obra do Señor, que se dignou librarme desta vergonza diante da xente.
O anuncio do nacemento de Xesús (Mt 1, 18-21)
26Os seis meses, Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaret, 27onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.
28Entrando onde estaba ela, díxolle:
Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
29Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel. 30O anxo continuou:
Non teñas medo, María, porque ti atopaches graza ante Deus; 31e, fíxate, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, ó que lle poñerás de nome Xesús. 32Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; 33reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
34María respondeulle ó anxo:
E como pode ser isto, pois eu son virxe?
35O anxo replicoulle:
O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. 36Aí tes a túa curmá Isabel, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, 37que para Deus non hai imposibles.
38María contestou:
Velaquí a escrava do Señor: cúmprase en min o que dixeches.
E o anxo marchou de onda ela.
María visita a Isabel
39Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudá. 40Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel. 41E en oíndo Isabel o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, 42exclamou Isabel, a grandes voces:
Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. 43Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? 44Pois ó que chegou o teu saúdo ós meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. 45Ditosa ti que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!
O Magníficat
46Entón María exclamou:
A miña alma proclama a grandeza do Señor,
47e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador,
48porque reparou na súa humilde escraviña.
Velaí: desde agora
tódalas xeracións me van felicitar.
49Marabillas o Poderoso fixo en min!
O seu nome é Santo;
50A súa misericordia chega xeración tras xeración
a todos os que o temen.
51Manifesta o poder do seu brazo,
desbaratando os plans dos soberbios.
52Derruba do seu trono ós poderosos,
e fai subir os humildes;
53ós famentos éncheos de bens,
e ós ricos despídeos baleiros.
54Ampara a Israel, o seu Servidor,
lembrándose da súa misericordia,
55conforme prometera a nosos pais,
en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.
56María permaneceu con ela tres meses, e logo volveuse para a súa casa.
Nacemento de Xoán Bautista
57Cando se lle cumpriron os meses a Isabel, deu á luz un fillo. 58En sabendo os parentes e veciños a bondade con que Deus a regalara, fórona felicitar. 59Ós oito días levárono a circuncidar e queríanlle poñer Zacarías, coma seu pai. 60Pero interveu a nai dicindo:
Non, chamarase Xoán!
61Eles replicaron:
Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!
62Preguntáronlle por sinais ó pai, como quería que se chamase. 63El pediu con que escribir e puxo:
Xoán é o nome do meniño.
Todos ficaron sorprendidos. 64E de súpeto ceibóuselle a lingua, e empezou a falar bendicindo a Deus. 65Os veciños quedaron todos abraiados, e por toda a montaña de Xudea non se falaba doutra cousa. 66Todos os que o oían, dicían moi impresionados: "Que vai ser deste neno?" Porque a man de Deus estaba con el.
67Zacarías, o pai, cheo do Espírito Santo, profetizou dicindo:
68Bendito sexa o Señor, Deus de Israel
porque veu visitar e redimir o seu pobo,
69suscitando para nós unha forza de salvación
na casa de David, o seu servo,
70conforme prometera desde antigo
por boca dos seus santos profetas:
71que nos salvaría dos nosos inimigos
e das mans dos que nos teñen odio;
72que tería misericordia dos nosos pais,
tendo presente a súa Santa Alianza,
73tal fora a promesa que lle fixera a Abraham, noso pai,
concedéndonos 74que, libres das mans do inimigo,
o sirvamos sen temor,
75en santidade e xustiza, diante del,
todos os días mentres dure a nosa vida.
76E a ti, meu meniño, hanche chamar profeta do Altísimo,
porque irás por diante do Señor,
preparando os seus camiños,
77Anunciándolle a salvación ó seu pobo
mediante o perdón dos pecados,
78pois pola misericordia entrañable do noso Deus
amencerá desde o ceo un sol para nós:
79luz para os que viven nas tebras
e xacen entre as sombras da morte
para guiar os nosos pasos
polos camiños da paz.
80O meniño medraba, facéndose forte de espírito; e viviu no deserto ata o día no que se manifestou a Israel.

Currently Selected:

Lucas 1: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in