YouVersion Logo
Search Icon

Lucas 16

16
Parábola do administrador infiel
1E díxolles tamén ós seus discípulos:
Dunha vez había un home rico que tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar cos bens. 2Chamou por el e díxolle: "Que é iso que sinto falar de ti? Dáme conta da túa administración, que quedas despedido".
3O administrador púxose a cavilar: "E agora que vou facer, que quedo sen traballo? Cavar, non podo; e botarme a pedir, dáme vergonza. 4Ora! Xa sei o que vou facer para que cando me despidan haxa quen me acolla na súa casa!".
5Vaise, e chama por cada un dos debedores do seu amo e pregúntalle ó primeiro: "Ti canto lle debes ó meu amo?". 6El respondeulle: "Débolle cen bocois de aceite". El díxolle: "Pois colle o teu recibo e escribe axiña cincuenta".
7Despois preguntoulle ó segundo: "Ti canto debes?". Respondeulle: "Debo cen ferrados de trigo". Díxolle el: "Pois colle o teu recibo e escribe oitenta".
8O amo loou a aquel administrador inxusto pola astucia con que actuara, pois os fillos deste mundo son máis asisados nas cousas deles cós fillos da luz.
9Por iso eu avísovos:
Facede amigos coas riquezas inxustas, para que cando vos falten, vos acollan nas moradas eternas. 10Quen é fiel no pouco, tamén será fiel no moito; e quen é inxusto no pouco, tamén será inxusto no moito. 11Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, quen vos vai confiar a verdadeira? 12E se no alleo nos sodes fieis, quen vos vai confiar o voso? 13Ningún criado pode servir a dous amos, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro; ou ben atende a un e menospreza o outro. Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.
14Oíndo estas cousas, os fariseos, que tan amigos son dos cartos, facían riso del. 15El díxolles:
Vós, moita fachenda de perfectos; pero Deus coñécevos por dentro; e o que loce ante os homes é noxento para Deus.
Outros consellos (Mt 11, 12-13)
16A Lei e mais os Profetas chegaron ata Xoán. Desde entón anúnciase o Reino de Deus, e todos utilizan a forza para entrar nel.
17Pero máis facilmente pasarán o ceo e mais a terra do que caia un simple til da Lei.
18Todo o que repudia a súa muller e casa con outra, comete adulterio; e o que casa cunha repudiada polo seu marido, tamén comete adulterio.
O rico comellón e mais o pobre Lázaro
19Había un home rico que vestía roupa de púrpura e liño fino, e que celebraba todos os días espléndidos banquetes. 20O pé da súa porta xacía un pobre, chamado Lázaro, todo cuberto de chagas, 21que estaba desexando matar a fame co que caía da mesa do rico; e incluso os cans se achegaban a lle lamber as chagas.
22Resulta que morreu o pobre, e levárono os anxos ó seo de Abraham. Morreu tamén o rico, e enterrárono. 23Estando no lugar dos mortos, no medio dos tormentos, erguendo os ollos viu a Abraham e mais a Lázaro no seu seo. 24Entón suplicoulle dicindo: "Ai, pai Abraham, ten dó de min; mándame a Lázaro para que molle o seu dedo na auga e refresque a miña lingua, porque me atormenta o lume". 25Pero Abraham contestoulle: "Fillo, recorda que ti recibiches bens na túa vida, mentres Lázaro recibiu males; agora el recibe consolo e ti tormento. 26Ademais, entre nós e vós hai un abismo insalvable; de xeito que desde aquí non se pode pasar onda vós, nin desde aí se pode vir onda nós". 27Entón el insistiu: "Suplícoche, pai Abraham, que o mandes a casa do meu pai, 28onde teño cinco irmáns, para que lles fale claramente e non veñan dar a este lugar de tormentos". 29Pero Abraham respondeulle: "Xa teñen a Moisés e os Profetas: que lles fagan caso a eles".
30El volveu insistir: "Pero non llelo van facer, pai Abraham, non; se un morto vai onda eles, seguro que se converterán". 31Pero Abraham replicoulle: "Se a Moisés e mais ós Profetas non lles fan caso, tampouco llo farán nin a un morto resucitado".

Currently Selected:

Lucas 16: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Lucas 16