YouVersion Logo
Search Icon

Lucas 17

17
Recomendacións ós discípulos (Mt 18, 6-7. 21-22; Mc 9, 42; 11, 22-23)
1Díxolles ós seus discípulos:
É irremediable que haxa escándalos; pero ai de quen os provoca! 2Máis lle valía que lle colgasen unha pedra de muíño no pescozo e que o largasen ó mar antes que escandalizar a un destes pequeniños. 3Andade con coidado.
Se o teu irmán che fai mal, repréndeo; se se arrepinte, perdóao. 4E se te ofende sete veces no día e sete veces volve a ti dicindo: "Síntoo moito", perdóao.
5Rogáronlle os apóstolos ó Señor:
Auméntanos a fe!
6O Señor respondeulles:
Se tivésedes polo menos unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: "Arríncate e plántate no mar", e seguro que vos obedecía.
7E quen de vós que teña un criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da veiga: "Entra axiña e ponte á mesa". 8Non lle dirá máis ben: "Prepara a cea, viste a roupa de traballo e ponme a comida; e cando eu remate de comer e beber, comerás e beberás ti?" 9Ou é que aínda lle vai ter que estar agradecido ó criado por facer o que lle manda? 10Así tamén vós, cando fagades todo o que se vos mande, dicide: "Somos simples servidores: total, non fixemos máis do que tiñamos que facer".
Curación dos dez gafos
11Indo camiño de Xerusalén, mentres pasaba entre Samaría e Galilea, 12ó entrar nunha aldea, saíronlle ó paso dez gafos. Pararon ó lonxe, 13e dando voces suplicáronlle:
Xesús, Mestre, ten dó de nós.
14El, ó velos, díxolles:
Ídevos presentar ós sacerdotes.
E aconteceu que cando ían para alá, quedaron limpos. 15E un deles, ó se decatar de que estaba curado, volveu loando a Deus con grandes voces. 16E prostrándose, rostro en terra, ós pés de Xesús, deulle as grazas. Era un samaritano. 17Xesús dixo:
Non foron dez os que quedaron limpos? Onde están os outros nove? 18Ninguén, fóra dun estranxeiro, volveu para lle dar gloria a Deus?
19E engadiu:
Érguete e vaite: salvoute a túa fe.
A chegada do Reino de Deus (Mt 24, 23-28. 37-41)
20Preguntado polos fariseos cando chegaría o Reino de Deus, respondeulles:
O Reino de Deus chegará sen deixarse sentir. 21De tal xeito, que non se dirá: "Velaquí, ou velaí está"; porque a verdade é que o Reino de Deus xa está entre vós.
22E díxolles ós seus discípulos:
Virán tempos nos que arelaredes pasar un só día co Fillo do Home e non poderedes. 23E diranvos: "Mirádeo aí, ou aquí"; pero vós non vaiades nin corrades detrás. 24Porque coma o lóstrego brilla refulxente desde un extremo a outro do ceo, así será o Fillo do Home no seu día. 25Pero antes é preciso que padeza moito e que esta xeración o rexeite.
26O que pasou no tempo de Noé pasará tamén no tempo do Fillo do Home. 27Comían e bebían e casaban eles e elas, ata o día no que Noé entrou na arca; logo veu o diluvio e acabou con todos. 28O mesmo pasou no tempo de Lot: comían, bebían, mercaban, vendían, plantaban, construían. 29Pero cando saíu Lot de Sodoma, choveu lume e xofre do ceo, e acabou con todos. 30O mesmo pasará cando se manifeste o Fillo do Home.
31Aquel día o que estea na azotea e teña as cousas dentro da casa que non baixe por elas; e o que estea na leira que tampouco non volva atrás. 32Que vos acorde o caso da muller de Lot. 33Quen intente salvar a súa vida perderaa; e quen a perda salvaraa. 34Asegúrovolo: nesa noite estarán dous nunha mesma cama: levarán a un e deixarán ó outro. 35-36Estarán dúas moendo xuntas; levarán a unha e deixarán a outra.
37Eles preguntáronlle:
Onde Señor?
Respondeulles:
Onde estea o cadáver xuntaranse os voitres.

Currently Selected:

Lucas 17: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in