YouVersion Logo
Search Icon

Lucas 18

18
O xuíz e mais a viúva
1Propúxolles tamén unha parábola acerca da necesidade de orar sempre, sen cansar:
2Había nunha vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba o home. 3Na mesma vila había tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: "Faime xustiza fronte ó meu contrario". 4El durante moito tempo non lle fixo caso ningún; pero despois cavilou: "Aínda que non temo a Deus nin respecto o home, 5como esta viúva me está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a vida".
6E o Señor continuou:
Escoitade o que di un xuíz inxusto. 7E logo Deus non lles vai facer xustiza ós seus elixidos, que claman día e noite, e non vai ter paciencia con eles? 8Asegúrovos que lles fará xustiza a tempo. Pero cando chegue o Fillo do Home, el atopará fe sobre a terra?
O fariseo e mais o recadador de impostos
9Propuxo tamén esa parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais:
10Dous homes subiron ó templo a orar; un era fariseo e outro recadador de impostos.
11O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: "Meu Deus, douche grazas porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador. 12Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño".
13O recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levantar os ollos ó ceo, senón que petando no peito dicía: "Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador".
14Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano.
Xesús e os nenos (Mt 19, 13-15; Mc 10, 13-16)
15E levábanlle tamén os meniños para que os tocase. Pero os discípulos rifábanlles. 16Entón Xesús chamounos e dixo:
Deixade que os nenos se acheguen a min: non llelo privedes, porque dos que son coma eles é o Reino de Deus. 17Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus non entrará nel.
O rico (Mt 19, 16-22; Mc 10, 17-22)
18Un home importante preguntoulle:
Mestre bo, que teño que facer para acadar a vida eterna?
19El contestoulle:
E por que me chamas bo? Ninguén é bo fóra de Deus. 20Xa sabes os mandamentos: Non cometas adulterio, non mates, non roubes, non deas falso testemuño, honra a teu pai e mais a túa nai.
21El respondeu:
Todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.
22Oíndo aquilo Xesús díxolle:
Aínda che queda unha cousa: vende todo canto tes, e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.
23O que oíu estas cousas, o home aquel quedou moi apesarado, porque era moi rico.
O perigo das riquezas (Mt 19, 23-30; Mc 10, 23-31)
24Xesús, ó velo así, comentou:
Que difícil lles vai ser ós ricos entrar no Reino de Deus! 25É máis fácil para un camelo entrar polo ollo dunha agulla, que para un rico entrar no Reino de Deus.
26Todos os que o escoitaban comentaron:
Daquela quen se vai poder salvar?
27Pero el dixo:
O que para os homes é imposible, é posible para Deus.
28Entón díxolle Pedro:
Pois nós, deixámolo todo, e seguímoste.
29Xesús respondeulle:
Tede por seguro que ninguén que deixa casa ou muller ou irmáns ou pais ou fillos polo Reino de Deus, 30non pasará sen recibir agora cen veces máis, e no futuro a vida eterna.
Anuncia por terceira vez a súa morte (Mt 20, 17-19; Mc 10, 32-34)
31E levando á parte ós Doce, díxolles:
Ollade que subimos a Xerusalén, e vaise cumprir todo o que está escrito polos profetas acerca do Fillo do Home. 32Vano entregar ós pagáns, burlaranse del, aldraxarano e cuspirán nel, 33Azoutarano e matarano. Pero ó terceiro día resucitará.
34Pero eles non entenderon nada disto. Resultábanlle enigmáticas estas palabras e non comprenderon o que lles quería dicir.
O cego de Xericó (Mt 20, 29-34; Mc 10, 46-52)
35Cando chegaba a Xericó, un cego estaba a pedir sentado á beira do camiño. 36Oíndo o barullo da xente que pasaba, preguntou que era aquilo. 37Dixéronlle que era Xesús de Nazaret, que pasaba por alí. 38El exclamou:
Xesús, Fillo de David, ten mágoa de min!
39Os que ían diante empezaron a rifarlle, para que calase pero el aínda berraba máis alto:
Fillo de David, ten mágoa de min!
40Deténdose Xesús, mandou que llo levasen. Cando se achegou, preguntoulle:
41Que é o que queres que che faga?
El respondeu:
Señor, que volva ver.
42Xesús díxolle:
Recobra a vista: salvoute a túa fe.
43E no instante recobrou a vista, e foise detrás del, loando a Deus. E todo o pobo, vendo aquilo, tamén loaba a Deus.

Currently Selected:

Lucas 18: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in