Lucas 20
20
A autoridade de Xesús (Mt 21, 23-27; Mc 11, 27-33)
1Estando naqueles días ensinando ó pobo e anunciando a Boa Nova no templo, presentáronse os sumos sacerdotes, os letrados e mais os senadores, 2e preguntáronlle:
Con que autoridade fas estas cousas? Quen che deu tal autoridade?
3El respondeulle:
Vouvos facer tamén eu unha pregunta. A ver, contestade: 4O bautismo de Xoán era cousa de Deus ou dos homes?
5Eles matinaban: "Se lle respondemos de Deus, vainos preguntar: E daquela por que non lle fixestes caso? 6Pero se lle respondemos: dos homes, a xente toda vainos correr a pedradas, porque está convencida de que Xoán era un profeta". 7E acabáronlle dicindo que non o sabían.
8Xesús replicoulles:
Pois eu tampouco non vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas.
Parábola da viña (Mt 21, 33-46; Mc 12, 1-12)
9Entón púxose a contarlle á xente esta parábola:
Un home plantou unha viña, arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe. 10No seu tempo mandou un criado para cobrarlles as rendas da viña. Pero os viñateiros zorregáronlle duro e despedírono coas mans baleiras. 11Volveulles mandar outro criado; pero eles mallaron nel, aldraxárono e despedírono coas mans baleiras. 12E volveulles mandar aínda un terceiro; pero eles tamén o malferiron e expulsaron.
13Entón dixo o dono da viña: "Que farei? Voulles mandar o meu fillo benquerido: seguro que o respectan".
14O velo, os viñateiros apalabráronse uns cos outros entre si: "Este é o herdeiro; matámolo, e a herdanza é para nós". 15E botárono fóra da viña e matárono.
Que fará o dono da viña? 16Volverá, acabará con estes viñateiros, e daralles a viña a outros.
O oíren isto exclamaron:
Non pode ser!
17Pero el, mirándoos fixamente, díxolles:
Que significa, logo, o que di a Escritura: A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal? 18Todo o que caia enriba desa pedra, esnaquizarase; pero aquel enriba do que ela caia, quedará esmagado.
19Decatándose de que ía por eles a parábola, os letrados e mais os sumos sacerdotes quixeron botarlle as mans naquel mesmo momento; pero tivéronlle medo á xente.
A contribución ó César (Mt 22, 15-22; Mc 12, 13-17)
20Entón puxéronse á espreita e mandáronlle uns espías, que finxían hipocritamente seren boa xente, para ver se o pillaban nalgún delito, e así podéreno entregar á xurisdición do gobernador. 21Así dixéronlle:
Mestre, sabemos que falas e ensinas rectamente, e non xulgas polas aparencias, senón que mostras o camiño verdadeiro de Deus. 22Está permitido pagar a contribución ó César ou non?
23El coñeceulles a mala intención e contestoulles:
24Mostrádeme un denario. De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición?
Contestáronlle:
É do César.
25Xesús replicoulles:
Pois logo dádelle ó César o do César; e a Deus o de Deus.
26Non puideron pillalo en ningún dito diante do pobo, e, pasmados da súa resposta, quedaron caladiños.
Acerca da resurrección (Mt 22, 23-33; Mc 12, 18-27)
27Chegaron algúns saduceos eses que negan que haxa resurrección e preguntáronlle:
28Mestre, Moisés deixou escrito: "Se lle morre a alguén o seu irmán sen deixar fillos, que case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia". 29Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou, e morreu sen fillos. 30Despois casou con ela o segundo; 31e logo o terceiro; e así os sete foron casando coa viúva, morrendo tamén sen deixar fillos. 32O cabo, morreu tamén a muller. 33Ora, cando resuciten, de cal deles vai ser a muller, se estivo casada cos sete?
34Xesús contestoulles:
Neste mundo os homes e mais as mulleres casan entre eles. 35Pero os que sexan dignos da vida futura e da resurrección de entre os mortos, non casarán nin eles nin elas, 36pois non poden morrer. Son coma anxos, e son fillos de Deus por naceren na resurrección.
37E que resucitan os mortos, ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor, no episodio da silveira: O Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob. 38E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para El todos están vivos.
39E nisto algúns dos letrados dixéronlle:
Ben falado, Mestre.
40Pois xa non se atrevían a preguntarlle máis nada.
O fillo de David (Mt 22, 41-46; Mc 12, 35-37)
41Preguntoulles Xesús:
Como din que o Mesías é fillo de David? 42O mesmo David di no libro dos Salmos:
Díxolle o Señor ó meu Señor:
séntate á miña dereita,
43que vou poñer os teus inimigos
coma estrado dos teus pés.
44Ora, se David o chama Señor, como vai ser o seu fillo?
Denuncia dos letrados (11, 37-54; Mt 23, 1-36; Mc 12, 38-40)
45E diante de toda a xente, díxolles ós seus discípulos:
46Coidado cos letrados! Gústalles moito de se pasearen ben traxados, e que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes. 47E acábanlles cos bens ás viúvas, co pretexto de faceren longos rezos. Pero hanos xulgar co máis severo castigo.
Currently Selected:
Lucas 20: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT