YouVersion Logo
Search Icon

Lucas 21

21
Xenerosidade da viúva (Mc 12, 41-44)
1Ergueu a vista e viu uns ricos que botaban os seus donativos na boeta do tesouro. 2E viu tamén unha viúva moi pobre, que botaba unha miseria. 3Entón dixo:
Asegúrovos unha cousa: esta pobre viúva botou máis ca todos. 4Porque todos estes botaron do que lles sobra, pero ela na súa pobreza botou canto tiña para vivir.
Destrución do templo e signos de Xuízo (Mt 24, 1-3; 10, 17-22; Mc 13, 1-13)
5Comentaban algúns a fermosa cantería con que estaba construído o templo, e os exvotos que o adornaban. Pero el díxolles:
6Todo isto que estades a contemplar, días virán nos que o derrubarán ata que non quede pedra sobre pedra.
7Eles preguntáronlle:
Mestre, dinos, cando van pasar estas cousas? Cal será o signo de que van suceder?
8El empezoulles a dicir:
Estade atentos, para non vos extraviar. Porque han vir moitos no meu nome, dicindo: "son eu" e "está a chegar o momento", pero non os sigades. 9Cando oiades falar de guerras e desordes, non vos asustedes; que iso ten certamente que acontecer primeiro, pero aínda non será a fin.
10Entón díxolles:
Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; 11haberá grandes terremotos, pestes e fames en diversos lugares; cousas espantosas, e grandes sinais no ceo. 12Pero antes de todo isto botaranse sobre vós, perseguíndovos: levaranvos ás sinagogas e á cadea, ante reis e gobernadores por causa miña; 13Así teredes a oportunidade de dar testemuño. 14Metede ben na cabeza que non tedes que preocuparvos pola vosa defensa, 15que eu vos darei unha elocuencia e mais unha sabedoría que non poderán resistir nin replicar os vosos adversarios. 16Entregaranvos vosos mesmos pais, irmáns, parentes e amigos. Mataranvos a algúns de vós, 17e todos vos aborrecerán por causa miña, 18e mais non perderedes nin un pelo da vosa cabeza. 19Coa vosa perseveranza, salvaredes as vosas vidas.
A destrución de Xerusalén (Mt 24, 15-21; Mc 13, 14-19)
20Cando vexades a Xerusalén asediada polos exércitos, sabede que está a chegar a súa destrución. 21Entón os que estean en Xudea, que fuxan para os montes; os que estean na vila, que se afasten; e os que estean no campo, que non entren na vila; 22porque estes son días de escarmento, nos que se cumprirá canto está escrito. 23Ai das que estean embarazadas ou criando naqueles días! Porque haberá unha grande apertura no país, e un terrible xuízo para este pobo. 24Caerán baixo a espada, levaranos presos a todos os países do mundo, e os pagáns esmagarán cos pés a Xerusalén, ata que se lles cumpra tamén o tempo ós pagáns.
A chegada do Fillo do Home (Mt 24, 29-31; Mc 13, 24-27)
25Haberá sinais no sol, na lúa e nas estrelas; e na terra as nacións tremerán coa angustia ante o bruar do mar e das ondas; 26os homes morrerán cheos de medo e de desacougo, polo que virá enriba do mundo, pois mesmo os astros abalarán. 27Entón verán o Fillo do Home vir sobre unha nube con grande poder e gloria.
28Pero cando empece a suceder todo isto, poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación.
O exemplo da figueira (Mt 24, 32-35; Mc 13, 28-31)
29E púxolles esta comparación:
Reparade na figueira e nas demais árbores: 30cando as vedes agromar, sabedes por vós mesmos que está vindo o verán. 31Pois vós igual: cando vexades que pasan estas cousas, caede na conta de que xa está preto o Reino de Deus. 32Asegúrovos que non pasará está xeración sen que antes aconteza todo isto. 33O ceo e mais a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.
Hai que estar atentos
34Tede conta de vós mesmos; non sexa que vos atordedes na borracheira, na libertinaxe e nas preocupacións da vida, e de súpeto caia sobre vós aquel día; 35porque caerá coma un lazo sobre todos os que habitan a terra. 36Vós vixiade sempre, e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir, e comparecer así seguros diante do Fillo do Home.
37Pasaba os días ensinando no templo; polas noites saía, e pasábaas no Monte chamado das Oliveiras. 38E todo o pobo madrugaba para ir onda el ó templo, escoitalo.

Currently Selected:

Lucas 21: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in