Xénese 3
3
A condición humana e a promesa
1A serpe era o máis arteiro de todos os animais que o Señor Deus fixera. Díxolle á muller: —"Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?"
2A muller respondeulle: —"Podemos comer do froito das árbores todas do xardín. 3Soamente da árbore de alá no fondo nos mandou Deus: Non comades dela nin a toquedes, non sexa que morrades".
4A serpe insistiu: —"De ningunha maneira morreredes. 5É que Deus sabe ben que o día en que comades dela, se vos abrirán os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e do mal".
6A muller reparou que o froito da árbore era saboroso, atraente, e bo para adquirir entendemento. E coa mesma colleu do froito e comeu; logo deulle ó seu home, e tamén el comeu.
7Entón abríronselles os ollos ós dous e decatáronse de que estaban espidos. Entrelazaron follas de figueira e cinguíronse con elas. 8Oíron ó Señor Deus camiñar polo xardín ó aire do día, e acocháronse os dous entre as árbores. 9Mais El chamou polo home, preguntándolle: —"Onde estás?" 10Respondeu o home: —"Oínte no xardín, e tiven medo. O verme espido, agacheime".
11Preguntoulle o Señor Deus: —"Quen che dixo que estabas espido? É que comiches da árbore da que che prohibira comer?"
12Respondeulle o home: —"A muller que me deches por compañeira ofreceume do froito, e comín".
13O Señor Deus díxolle á muller: —"Qué é o que fixeches?" E a muller respondeu: —"A serpe enganoume, e comín". 14Entón o Señor Deus díxolle á serpe: —"Porque fixeches isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e comerás po toda a túa vida. 15Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a dela. Ti tentarás de atanguerlle o calcañar, pero ela esmagarache a cabeza".
16A muller díxolle:"Terás moitos afáns na túa preñez, parirás con dor os fillos. Devecerás polo teu home, e el dominarate".
17O home díxolle: —"Porque lle fixeches caso á túa muller, comendo do froito da árbore que che prohibira comer, por culpa túa será maldita a terra: con traballos tirarás dela a túa mantenza mentres vivas. 18Producirache silvas e abrollos, e terás que comer herbas silvestres. 19Comerar o pan coa túa suor, ata que volvas á terra da que fuches tirado. De feito, ti es po e ó po tes que volver".
20O home chamou Eva á súa muller, pois vén ser a nai de todos os que viven. 21O Señor Deus fíxolles túnicas de pel ó home e á muller, para se vestiren.
22Logo o Señor pensou: —"Agora que o home veu ser coma un de nós, en canto a coñecer o ben e o mal, non vaia ser que tenda a man, colla tamén da árbore da vida, coma do froito, e viva sempre".
23E botou ó home do xardín de Edén, para que cultivase a terra da que fora tirado. 24E despois de botalo do xardín, puxo no oriente querubíns con espadas flamexantes, para cortarlle o paso cara á árbore da vida.
Currently Selected:
Xénese 3: ABGS
Tya elembo
Share
Copy
Olingi kobomba makomi na yo wapi otye elembo na baapareyi na yo nyonso? Kota to mpe Komisa nkombo
Dereitos reservados: SEPT