YouVersion Logo
تلاش

Xénese 17

17
Alianza de Deus con Abraham
1Abram tiña noventa e nove anos, cando se lle apareceu o Señor para lle dicir: —"Eu son o Deus Xadai. Camiña de acordo comigo e se perfecto. 2Eu establezo entre nós os dous unha alianza. Fareite crecer moito".
3Abram prostrouse por terra, e Deus díxolle: 4—"Esta é a alianza que eu fago contigo: Serás pai de moitos pobos. 5Non te seguirás chamando Abram; o teu nome será Abraham, porque te fago pai de moitos pobos. 6Dareiche fecundidade, sacarei de ti nacións, de ti sairán reis. 7Establezo a miña alianza, alianza perpetua, contigo e cos teus descendentes, polas xeracións vindeiras. Eu serei o teu Deus e o dos teus descendentes. 8Dareiche a ti e a eles, en posesión perpetua, a terra onde habitas, o país de Canaán. Eu serei o teu Deus".
A circuncisión
9Deus díxolle a Abraham: —"Gardarás a miña alianza, ti e mais os teus descendentes, polas xeracións vindeiras. 10Esta é a alianza que eu fago contigo e cos teus descendentes, e que habedes de gardar: 11Circuncidade a pel do prepucio, en sinal de alianza entre nós.
12Os oito días de nacer, circuncidade todos os varóns, unha xeración tras outra, o mesmo os nacidos na casa, coma os forasteiros adquiridos por diñeiro, que non son descendentes teus. 13Circuncidade os nacidos na casa e os adquiridos por diñeiro, e a miña alianza estará no voso corpo como alianza perpetua. 14O varón non circuncidado, coa pel do prepucio sen cortar, será el cortado do seu pobo, pois viola a miña alianza".
Un fillo de Sara
15O Señor díxolle a Abraham: —"A túa muller non seguirá chamándose Sarai. O seu nome é Sara. 16Bendicireina e dareiche un fillo dela; bendicireina e será nai de nacións, nacerán dela reis de pobos".
17Abraham prostrouse por terra e sorriu, pensando para si: —"Un home de cen anos terá un fillo, e Sara ós seus noventa parirá!" 18E suplicoulle a Deus: —"Oxalá deixes vivir a Ismael!"
19Deus respondeulle: —"Non; Sara, a túa muller, darache un fillo, e poraslle o nome de Isaac. Con el e cos seus descendentes vindeiros establezo unha alianza, alianza perpetua. 20En canto a Ismael, tamén te escoitarei. Bendicireino, dareille fecundidade e fareino crecer moito. Xerará doce príncipes e convertereino nun gran pobo. 21Pero a miña alianza establecereina con Isaac, o fillo que che dará Sara de hoxe nun ano".
22En acabando de falar, Deus foise de onda Abraham. 23Abraham colleu o seu fillo Ismael, os servos todos nacidos na súa casa e os adquiridos por diñeiro, todo varón da súa casa, e circuncidou ese mesmo día a pel dos seus prepucios, conforme Deus lle mandara.
24Abraham tiña noventa e nove anos cando circuncidou a pel do seu prepucio, 25e Ismael tiña trece. 26No mesmo día circuncidouse Abraham e seu fillo Ismael. 27Con eles circuncidáronse tamén todos os varóns da súa casa, o mesmo os nacidos nela coma os adquiridos por diñeiro.

موجودہ انتخاب:

Xénese 17: ABGS

سرخی

شئیر

کاپی

None

کیا آپ جاہتے ہیں کہ آپ کی سرکیاں آپ کی devices پر محفوظ ہوں؟ Sign up or sign in