YouVersion Logo
تلاش

Xoán 4

4
Xesús deixa a Xudea: 4, 1-3
1Xesús decatouse de que os fariseos oíran que el facía máis discípulos e bautizaba máis ca Xoán 2(aínda que a verdade era que non bautizaba Xesús mesmo senón os seus discípulos). 3Entón deixou a Xudea e partiu outra vez para Galilea.
Conversa de Xesús coa Samaritana: 4, 4-42
4Necesitaba pasar pola Samaría. 5Chegou, logo, a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu fillo Xosé. 6Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era ó pé do mediodía. 7Chegou unha muller da Samaría sacar auga. E Xesús díxolle:
Dáme de beber.
8(Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).
9Preguntoulle entón a muller samaritana:
Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).
10Respondeulle Xesús:
Se coñecése-lo don de Deus e quen é o que che di "dáme de beber", ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.
11Replicoulle a muller:
Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, de onde pensas quitar esa auga viva? 12Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mais o seu gando?
13Xesús contestoulle:
Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez; 14pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca mais terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.
15A muller suplicou:
Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.
16Díxolle Xesús:
Vai chamar polo teu marido e volve aquí.
17A muller contestou:
Non teño marido.
Xesús díxolle:
Falaches ben, dicindo "non teño marido"; 18tiveches cinco homes e o que tes agora non é teu marido. Desta si que falaches a verdade.
19A muller respondeu:
Señor, vexo que ti es profeta. 20Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar.
21Xesús díxolle:
Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraréde-lo Pai. 22Vós adoráde-lo que non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. 23Pero chega a hora é xa agora en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. 24Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.
25Respondeu a muller:
Sei que está para vir o Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos anunciar todas as cousas.
26Díxolle Xesús:
Son eu, o que está falando contigo.
27Nisto chegaron os seus discípulos e chamoulles a atención que falase cunha muller. Pero ningún lle preguntou: "Que pretendes?" ou "De que falas con esa?"
28Entón, deixando a muller o seu cántaro, foi á vila e díxolles ós veciños:
29Vide ver un home que me dixo todo canto eu fixen. Non será el o Mesías?
30Eles saíron da vila e viñeron onda el.
31Mentres, os seus discípulos insistíanlle:
—Rabbí, come.
32Mais el díxolles:
Eu teño para xantar unha comida que vós non sabedes.
33Dicíanse entón os discípulos, uns ós outros:
Traeríalle alguén de comer?
34Xesús díxolles:
A miña comida é facer a vontade daquel que me mandou e levar a remate a súa obra. 35Non dicides vós que aínda faltan catro meses para que chegue a seitura? Ben, pois mirade o que vos digo: erguede os vosos ollos e veredes que os campos están brancos para a seitura. 36O que sega recibe a paga e recolle froito para a vida eterna; de xeito que se alegran tanto quen sementa coma quen sega. 37Pois nisto é verdadeiro o dito de que un é quen sementa e outro quen recolle. 38Eu mandeivos recolle-lo que vós non traballastes: outros traballaron e vós recolléste-lo froito do seu traballo.
39Moitos samaritanos daquela vila creron nel, pola palabra da muller, que declaraba: "díxome todo canto eu fixen". 40Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días. 41E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. 42Dicíanlle despois á muller:
Xa non cremos polo que ti nos dixeches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.
Xesús en Caná: curación do fillo dun oficial: 4, 43-54
43Pasados os dous días, saíu de alí para Galilea 44(pois o mesmo Xesús afirmara que ningún profeta é honrado na súa patria). 45Entón, cando chegou á Galilea, fórono esperar os galileos, pois, como tamén eles foran á festa, viran todo canto el fixera en Xerusalén ese día. 46Volveu así de novo a Caná de Galilea, onde cambiara a auga en viño.
Había en Cafarnaúm un funcionario que tiña o fillo enfermo. 47Oíndo que Xesús viña da Xudea cara á Galilea, foino esperar, e rogáballe que baixase a curar o seu fillo, que estaba á morte.
48Díxolle entón Xesús:
Se non vedes sinais e prodixios, non credes.
49O funcionario insistiu:
Señor, baixa antes de que morra o meu meniño.
50Xesús contestoulle:
Vaite, o teu fillo vive.
O home creu na palabra que lle dixera Xesús e foise. 51E, cando xa el baixaba, saíronlle ó encontro os seus servos, para lle dicir que o neno xa se puxera ben. 52Entón preguntoulles a que hora empezara a notar a melloría.
Eles respondéronlle:
Onte, a iso da unha baixoulle a febre.
53Decatouse entón o pai de que aquela fora a hora na que lle dixera Xesús "o teu fillo vive", e creu el e mais toda a súa familia.
54Este segundo signo fíxoo Xesús cando volvía da Xudea para a Galilea.

موجودہ انتخاب:

Xoán 4: ABGS

سرخی

شئیر

کاپی

None

کیا آپ جاہتے ہیں کہ آپ کی سرکیاں آپ کی devices پر محفوظ ہوں؟ Sign up or sign in