Lucas 5

5
Primeiros discípulos (Mt 4, 18-22; Mc 1, 16-20)
1Estando el á beira do lago Xenesaret, mentres a xente se amoreaba ó seu arredor, escoitando a Palabra de Deus, 2viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas lavaban o aparello. 3Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se apartase un pouco da terra, e desde a barca, sentado, ensinaba á xente. 4Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:
Voga lago a dentro, e larga o aparello para pescar.
5Respondeu Simón:
Mestre, pasamos a noite faenando e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello.
6Así o fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. 7Fixéronlles entón acenos ós compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a pique. 8Vendo isto, Simón Pedro botóuselle ós pés a Xesús, dicindo:
Señor, arreda de min, que eu son un pecador.
9Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron parvos con tanto peixe como colleran naquel lance. 10O mesmo lles pasaba a Santiago e mais a Xoán, fillos de Zebedeo, que eran compañeiros de Simón. E díxolle Xesús a Simón:
Tranquilo, desde agora vas ser pescador de homes.
11Varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono.
Curación dun gafo (Mt 8, 2-4; Mc 1, 40-45)
12Dunha vez estaban nunha vila e un home todo cuberto de lepra, vendo a Xesús, botouse rostro en terra e rogoulle:
Señor, ti, se queres, pódesme limpar.
13El estendeu a man e tocouno, dicindo:
Pois quero, queda limpo.
E no intre desapareceu a laceira.
14Logo mandoulle que non lle dixese nada a ninguén, e engadiu:
Vai, preséntate ó sacerdote e ofrece pola túa purificación o ordenado por Moisés, para que lles sirva de testemuño.
15Pero a súa sona espallábase a cada paso máis, xuntándose moita xente para escoitalo e para que lles curase as súas doenzas. 16Mais el retirábase ós lugares arredados para orar.
Cura a un tolleito (Mt 9, 2-8; Mc 2, 1-12)
17Un día que estaba ensinando, había sentados algúns fariseos e letrados que chegaran de tódalas aldeas de Galilea, de Xudea e tamén de Xerusalén. E, co poder do Señor, el facía curacións.
18Nisto uns homes trouxeron nunha padiola a un tolleito, mirando como metelo dentro para poñelo diante del. 19Pero, non atopando por onde o meteren, debido á moita xente que había, subiron ó tellado e baixárono co leito por entre as tellas, ata deixalo no medio, diante de Xesús. 20Vendo a fe que tiñan, dixo:
Home, quédanche perdoados os teus pecados.
21Os letrados e mais os fariseos empezaron a razoar:
Pero quen é este, que así blasfema? Quen pode perdoar os pecados, senón unicamente Deus?
22Decatándose Xesús do que pensaban, díxolles:
Que cavilades nos vosos adentros? 23Que é máis fácil dicir: "perdoados quedan os teus pecados", ou dicir: "érguete e anda". 24Pois, para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados díxolle ó tolleito: érguete, colle a padiola e vaite para a casa.
25E así foi: erguéndose no intre diante deles, colleu a padiola e foise para a súa casa, loando a Deus. 26Todos ficaron pasmados, e cheos de temor loaban a Deus, dicindo:
Hoxe si que vimos cousas nunca vistas!
Vocación de Mateu (Mt 9, 9-13; Mc 2, 13-17)
27Despois disto, cando saíu, viu un recadador de impostos chamado Leví, sentado ó mostrador da contribución, e díxolle:
Sígueme.
28El, deixando todo, levantouse e seguiuno.
29Leví ofreceulle na súa casa un gran banquete, e había moitos recadadores e outra xente sentados á mesa con eles. 30E os fariseos e os seus letrados refungaban, dicíndolles ós discípulos:
Por que comedes e bebedes cos recadadores e pecadores?
31Xesús respondeulles:
Non son os sans, senón os enfermos, os que precisan médico. 32Eu non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores, para que se convertan.
Discusión acerca do xaxún (Mt 9, 14-17; Mc 2, 18-22)
33Mais eles replicáronlle:
Os discípulos de Xoán xaxúan e rezan a miúdo, como tamén fan os dos fariseos, pero os teus comen e beben.
34Xesús contestoulles:
E ides facer xaxuar os convidados á voda, mentres está con eles o esposo? 35Xa chegará o día no que lles leven o esposo; daquela si que xaxuarán.
36Tamén lles propuxo esta parábola:
Ninguén racha un vestido novo para lle botar un remendo a un vestido vello, porque quedaría roto o novo, e no vello tampouco diría ben un remendo de pano novo. 37E tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, deitarían o viño, e estragaríanse os pelellos. 38Xa sabedes: viño novo quere pelellos novos. 39E ninguén que proba o viño vello, quere o novo, pois dirá: é mellor o vello.

موجودہ انتخاب:

Lucas 5: ABGS

سرخی

شئیر

کاپی

None

کیا آپ جاہتے ہیں کہ آپ کی سرکیاں آپ کی devices پر محفوظ ہوں؟ Sign up or sign in