YouVersion Logo
تلاش

Lucas 9

9
Misión dos Doce (Mt 10, 1. 5-15; Mc 6, 7-13)
1Despois de convocar os Doce, deulles autoridade e poder sobre todos os demos e para curar doenzas. 2E mandounos a predicar o Reino de Deus e a sandar enfermidades, 3Avisándoos:
Non levedes nada para o camiño, nin tan sequera un caxato, nin alforxa, nin pan, nin diñeiro, nin dúas túnicas por persoa. 4Na casa onde entredes, quedade ata que marchedes. 5Cando non vos acollan, saíde daquela vila e sacudide o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso. 6Eles pillaron camiño e percorreron as aldeas, anunciando a Boa Nova e curando en todas partes.
Desconcerto de Herodes (Mt 14, 1-2; Mc 6, 14-16)
7O saber Herodes, o tetrarca, todo o que pasaba, estaba perplexo, xa que algúns dicían:
Resucitou Xoán de entre os mortos.
8E outros:
Apareceu Elías.
E outros:
Un profeta dos antigos resucitou.
9Pero Herodes dicía:
A Xoán mandeino eu decapitar, quen é, logo, ese de quen oio tales cousas?
E buscaba a maneira de ver a Xesús.
Multiplicación do pan (Mt 14, 13-21; Mc 6, 30-44; Xn 6, 1-15)
10Cando volveron os apóstolos, contáronlle todo canto fixeran. E, colléndoos consigo, retirouse a unha vila chamada Betsaida. 11Pero cando a xente o descubriu, foino seguindo; el acolleunos, faláballes do Reino de Deus e curaba a cantos o necesitaban. 12E como empezaba a caer o día, achegáronse os Doce e dixéronlle:
Despide a xente, para que vaian ás vilas e aldeas próximas en procura de sitio para se hospedaren e para que poidan tamén comprar algo que levar á boca, porque aquí estamos nun descampado.
13Pero el replicoulles:
Dádelles vós de comer.
Eles contestaron:
Pero se non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes! A non ser que vaiamos nós mercar mantenza para toda esta xente.
14Eran uns cinco mil homes. Mais el díxolles ós seus discípulos:
Colocádeos en grupos de cincuenta.
15Dixéronllelo, e sentaron todos. 16El, colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a vista ó ceo, bendiciunos, partiunos e déullelos ós discípulos, para que llelos servisen á xente. 17Comeron todos a fartar, e coas sobras encheron aínda doce cestas.
Confesión de Pedro e primeiro anuncio da paixón (Mt 16, 13-23; Mc 8, 27-33)
18Unha vez que estaba en oración nun lugar apartado, acompañado dos seus discípulos, preguntoulles:
Quen di a xente que son eu?
19Eles responderon:
Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas antigos que está resucitado.
20Insistiu:
E vós quen dicides que son eu?
Respondeu Simón Pedro:
O Mesías de Deus.
21Entón el prohibiulles dicir nada a ninguén. 22E engadiu:
Cómpre que o Fillo do Home padeza moito, que o rexeiten os anciáns, os sumos sacerdotes e mais os letrados, e que o executen, e que ó terceiro día resucite.
Como seguir a Xesús (Mt 16, 24-28; Mc 8, 34-9, 1)
23Despois dirixiuse a todos:
Se alguén me quere seguir, que renuncie a si mesmo, que cargue coa cruz de cada día, e que me siga. 24Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo. 25Pois de que lle serve ó home gañar o mundo enteiro, se el se perde ou arruína? 26Porque quen se avergonce de min e das miñas palabras, tamén o Fillo do Home se avergonzará del, cando veña na súa gloria, na do seu Pai e mais na dos santos anxos.
27E tede por seguro que algúns dos aquí presentes non morrerán sen antes veren chegar o Reino de Deus.
A transfiguración (Mt 17, 1-9; Mc 9, 2-10)
28Oito días despois desta conversa, colleu a Pedro, a Xoán e mais a Santiago e subiu ó monte a orar. 29Mentres estaba orando, cambiou o aspecto do seu rostro, e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes. 30De súpeto apareceron dous homes falando con el; eran Moisés e mais Elías. 31Tiñan un aspecto glorioso e falaban do seu éxodo que remataría en Xerusalén. 32Pedro e mais os outros caían co sono, pero, manténdose espertos, contemplaron a súa gloria e os dous homes que o acompañaban. 33Cando eles se arredaban, díxolle Pedro a Xesús:
Mestre, que ben que esteamos nós aquí! Queres que vos fagamos tres tendas, unha para ti, outra para Moisés, e outra para Elías?
Pero non sabía o que dicía. 34E mentres falaba, unha nube cubriunos coa súa sombra; eles quedaron moi asustados ó entraren nela. 35Entón unha voz dixo desde a nube:
Este é o meu Fillo, o Elixido: escoitádeo.
36Cando a voz acabou, Xesús apareceu só. E eles gardaron silencio. E non lle dixeron a ninguén nada do que viran naqueles días.
O neno epiléptico (Mt 17, 14-18; Mc 9, 14-27)
37O outro día, baixando do monte, saíulle moita xente ó encontro 38e un home exclamou:
Mestre, suplícoche que repares no meu fillo, que é o único que teño. 39Un espírito apodérase del, berrando e retorcéndoo entre escumallos, e cústanos moito que o deixe, e queda acorando.
40Pedinlles ós teus discípulos que llo botasen fóra, pero non llo deron botado.
41El contestou:
Oh xeración incrédula e perversa! Ata que día vou ter que estar convosco e aturarvos? Tráeme aquí ese teu fillo.
42E cando llo levaban, o demo retorceuno e zapateouno no chan. Pero Xesús berroulle ó espírito inmundo e curou o neno, devolvéndollo a seu pai. 43Todos quedaron abraiados da grandeza de Deus.
Novo anuncio da súa paixón (Mt 17, 22-23; Mc 9, 30-32)
Admirado por todos, polas cousas que facía, Xesús díxolles ós seus discípulos:
44Quédevos isto ben gravado: ó Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes.
45Pero eles non entendían o que dicía, porque lles estaba velado; e non ousaron pedirlle unha aclaración.
Quen é o máis importante (Mt 18, 1-5; Mc 9, 33-37)
46Entón empezaron a discutir sobre quen deles era o máis importante. 47Xesús léndolles o pensamento, achegou un neno a si 48e díxolles:
Quen acolle a este neno no meu nome, acólleme a min, e aquel que me acolle a min, acolle a quen me mandou; porque o que é máis pequeno entre vós, ese é o máis importante.
Quen non está contra vós, está convosco (Mc 9, 38-40)
49Tomando entón a palabra Xoán, dixo:
Mestre, vimos un que botaba demos fóra no teu nome, e tratamos de llo impedir, porque non é dos nosos.
50Xesús contestoulles:
Pois non llo privedes, que quen non está contra vós, está convosco.
CAMIÑO DE XERUSALÉN
Rexeitan a Xesús en Samaría
51Cando se ía cumprir o tempo de que o levantasen deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén. 52Mandou mensaxeiros por diante. Entrando estes nunha aldea de samaritanos, para lle prepararen pousada,
53non o recibiron, porque lle coñeceron que ían cara a Xerusalén. 54O veren isto, os discípulos Santiago e Xoán dixeron:
Señor, queres que digamos que baixe do ceo un raio que os parta?
55Pero el volveuse e rifoulles. 56E foron para outra aldea.
Seguir a Xesús (Mt 8, 19-22)
57Polo camiño, díxolle un:
Seguireite, vaias onde vaias.
58Respondeulle Xesús:
As raposas teñen tobeiras, e os paxaros teñen niños; pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza.
59Díxolle a outro:
Sígueme.
Pero el contestoulle:
Déixame ir primeiro enterrar a meu pai.
60Respondeulle:
Deixa que os mortos enterren os seus mortos: ti vai anunciar o Reino de Deus.
61Outro díxolle tamén:
Señor, seguireite, pero deixa que primeiro me despida da miña familia.
62Contestoulle:
Quen despois de pó-la man no arado, mira para atrás, non é apto para o Reino de Deus.

موجودہ انتخاب:

Lucas 9: ABGS

سرخی

شئیر

کاپی

None

کیا آپ جاہتے ہیں کہ آپ کی سرکیاں آپ کی devices پر محفوظ ہوں؟ Sign up or sign in