Xénese 16
16
Hagar e Ismael
1Sarai, muller de Abram, non podía ter fillos. Pero tiña unha serva exipcia, Hagar de nome, 2e díxolle a Abram: —"Xa ves que o Señor non me deixa ter fillos. Achégate á miña serva, a ver se por ela teño un fillo". Abram fixo caso da proposta de Sarai.
3Os dez anos de habitaren en Canaán, Sarai, muller de Abram, colleu a súa serva exipcia Hagar e deulla como muller ó seu home Abram. 4Abram achegouse a Hagar, e esta quedou embarazada. O ver que concibira, perdeulle o respecto á súa ama.
5Entón díxolle Sarai a Abram: —"Esta inxuria recae sobre ti. Puxen a serva nos teus brazos e, embarazada, pérdeme o respecto. Que xulgue o Señor entre nós os dous".
6Abram respondeulle a Sarai: —"Ter a túa serva nas túas mans. Fai con ela o que che pareza". Entón Sarai maltratábaa, e ela escapou da casa.
7Encontrouna o anxo do Señor onda unha fonte no deserto, a que está no camiño do Sur, 8e díxolle: —"Hagar, serva de Sarai, de onde vés e para onde vas?"
E ela respondeu: —"Estou fuxindo de Sarai, a miña ama".
9O anxo mandoulle entón: —"Volve onda a túa señora e sométete á súa autoridade". 10E engadiu: —"Dareiche tantos descendentes, que non se poderán contar". 11E díxolle aínda: —"Ves que estás embarazada. Terás un fillo e chamaraslle Ismael, xa que o Señor escoitou a túa aflición. 12Será un onagro entre os homes. A súa man erguerase contra todos e a man de todos contra el; habitará á parte, fronte a todos os irmáns".
13Hagar púxolle un nome ó Señor que lle falara: —"Ti es o Deus da miña visión". Pois razoaba para si: —"Non vin eu tamén aquí a quen me ve?" 14Por iso chámase aquel pozo, pozo de Lahai-Roí. Está entre Cadex e Bered.
15Hagar deulle a Abram o fillo que concibira, e este púxolle o nome de Ismael. 16Abram tiña oitenta e seis anos cando Hagar lle deu a Ismael.
موجودہ انتخاب:
Xénese 16: ABGS
سرخی
شئیر
کاپی
کیا آپ جاہتے ہیں کہ آپ کی سرکیاں آپ کی devices پر محفوظ ہوں؟ Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT