Xénese 21

21
Nacemento de Isaac
1O Señor fixouse en Sara, como o tiña dito, e cumpriu con ela a súa promesa. 2Ela concibiu e deulle un fillo a Abraham na súa vellez, no tempo que Deus fixara. 3Abraham púxolle a ese fillo que lle naceu de Sara o nome de Isaac. 4Cando cumpriu oito días, Abraham circuncidou a Isaac, conforme Deus lle mandara. 5Abraham tiña cen anos cando lle naceu Isaac.
6Sara dixo daquela: —"Deus fíxome rir de contenta, e todos os que o oian, rirán coma min". 7E engadiu: —"Quen lle ía dicir a Abraham que Sara criaría un fillo! E agora deullo na vellez". 8Medrou o neno, e destetárono. O día que destetaron a Isaac, Abraham deu un xantar.
Hagar e Ismael
9Viu Sara o fillo que a exipcia Hagar lle dera a Abraham xogando con Isaac, 10e díxolle a Abraham: —"Bota fóra esa escrava con seu fillo, pois o fillo desa escrava non herdará con meu fillo Isaac".
11A cousa doeulle a Abraham, pois tratábase de seu fillo. 12Pero Deus díxolle: —"Non teñas dó do neno nin da escrava. Fai o que Sara che di, pois por Isaac pasará o teu nome á tua descendencia. 13Tamén do fillo da escrava farei unha gran nación, por ser semente túa".
14Abraham ergueuse cedo, colleu pan e un fol de auga, púxollos ás costas a Hagar, xunto co fillo, e despediuna. Ela marchou e andou errante polo deserto de Beerxeba. 15Cando se lle acabou a auga do fol, botou o neno ó pé dun mato, 16e foise sentar soa máis alá, como á distancia dun tiro de arco, pensando para si: —"Non quero ver morrer o neno". E alí laiouse e chorou.
17Oíu Deus os berros do neno, e o anxo chamou desde o ceo a Hagar para dicirlle: —"Que che pasa, Hagar? Non teñas medo, pois Deus escoitou os berros do neno alí onde está. 18Érguete, colle o neno, agárrao forte da man. Del farei unha gran nación". 19Deus abriulle os ollos, e ela viu un pozo de auga. Foi alá, encheu o fol e deulle ó neno de beber.
20Deus estaba co rapaz, e este medraba. Asentou no deserto e chegou a ser un bo arqueiro. 21Vivía no deserto de Parán, e súa nai buscou unha muller exipcia para el.
Pacto entre Abraham e Abimélec
22Daquela Abimélec e Picol, xefe da súa xente, dixéronlle a Abraham: —"Deus está contigo en todo o que fas. 23Xúrame, pois, por Deus aquí mesmo que non nos enganarás, nin a min, nin ós meus fillos, nin ós meus descendentes, senón que coa consideración con que eu te tratei a ti, hasme tratar ti a min e a esta terra á que viñeches".
24Abraham respondeu: —"Así o xuro". 25Pero, coa mesma, reprendeu a Abimélec por causa do pozo que os servos deste lle usurparon.
26Abimélec retrucou: —"Non sei quen o puido facer. Nin ti me dixeches nada, nin eu oín falar diso ata hoxe".
27Abraham colleu ovellas e vacas, e deullas a Abimélec. E concordaron un pacto entre os dous. 28Abraham separou sete cordeiras do fato, 29e Abimélec preguntoulle: —"Que queren dicir esas sete cordeiras que apartas?"
30El respondeulle: —"Ti recibes da miña man sete cordeiras: que me sirvan de proba de que eu cavei este pozo". 31Por iso púxolle a aquel lugar o nome de Beerxeba, porque alí xuraron os dous.
32Cando concluíron o pacto en Beerxeba, Abimélec e Picol, xefe da súa xente, volveron para o país dos Filisteos. 33Abraham plantou un tamarindo en Beerxeba e invocou o nome do Señor, o Deus eterno. 34Abraham residiu no país dos Filisteos moitos anos.

موجودہ انتخاب:

Xénese 21: ABGS

سرخی

شئیر

کاپی

None

کیا آپ جاہتے ہیں کہ آپ کی سرکیاں آپ کی devices پر محفوظ ہوں؟ Sign up or sign in