Xénese 22

22
O sacrificio de Isaac
1Despois destes feitos, Deus puxo á proba a Abraham, chamándoo: —"Abraham!"
El respondeu: —"Aquí estou".
2Deus mandoulle: —"Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ó país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che mostrarei".
3Abraham ergueuse cedo, aparellou o burro e tomou consigo dous criados e mais o seu fillo Isaac. Coa leña cortada para o sacrificio, púxose ó camiño en dirección do lugar que Deus lle indicara. 4O terceiro día Abraham ergueu os ollos e viu o sitio desde lonxe.
5Abraham díxolles ós criados: —"Esperade aquí co burro. Eu e mais o rapaz chegarémonos ata alá. Adoraremos e de seguida volveremos onda vós". 6Abraham colleu a leña do sacrificio e púxolla a Isaac, seu fillo, ás costas. Tomou na man o lume e o coitelo, e camiñaban os dous xuntos.
7Isaac díxolle a seu pai: —"Meu pai!"
El respondeu: —"Que queres, fillo?"
O rapaz dixo: —"Levamos lume e leña. Pero onde está o año para o sacrificio?"
8Abraham respondeulle: —"Meu fillo, o año Deus o proverá". E camiñaban os dous xuntos.
9Chegados ó lugar que Deus dixera, Abraham construíu un altar, puxo enriba del a leña, atou o seu fillo Isaac e deitouno no altar, por enriba da leña. 10Despois tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrificar o seu fillo.
11Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo: —"Abraham! Abraham!"
El respondeu: —"Aquí estou".
12O anxo dixo: —"Non poñas a man no rapaz nin lle fagas mal ningún. Agora dei comprobado que tes temor de Deus, pois non me negaches o teu fillo, o único que tes".
13Abraham ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno en sacrificio, no posto do seu fillo. 14Abraham púxolle ó lugar o nome de Moriah. Por iso aínda hoxe se di: —"Na montaña o Señor proverá".
Renovación da promesa
15O anxo do Señor chamou a Abraham outra vez desde o ceo: 16—"Xúroche por min mesmo —palabra do Señor— que por faceres isto e non me negares o teu fillo, o único que tes, 17bendicireite e farei crecer os teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar. Os teus descendentes herdarán as cidades dos inimigos. 18Todos os pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me teres ti obedecido".
19Abraham volveu onda os criados, e todos xuntos colleron o camiño de Beerxeba. Abraham asentou alí.
A familia de Nahor
20Pasado algún tempo, dixéronlle a Abraham: —"Tamén Milcah lle deu fillos a Nahor, teu irmán. 21Deulle a Us, o primoxénito, despois a Buz, seu irmán, e a Quemuel, pai de Aram; 22os outros logo foron Quésed, Hazó, Pildax, Idlaf e Betuel". 23Betuel foi pai de Rebeca. Estes son os oito fillos que Milcah lle deu a Nahor, irmán de Abraham. 24Unha concubina chamada Reumah deulle, ademais, a Tebah, a Gaham, a Tahax e a Maacah.

موجودہ انتخاب:

Xénese 22: ABGS

سرخی

شئیر

کاپی

None

کیا آپ جاہتے ہیں کہ آپ کی سرکیاں آپ کی devices پر محفوظ ہوں؟ Sign up or sign in