Xénese 8
8
Fin do diluvio
1Deus pensou en Noé e nos animais e gandos que estaban con el na arca. Fixo pasar un vento pola terra, e as augas comezaron a minguar. 2Cerráronse as fontes do abismo e as comportas do ceo, e parou de chover.
3Pouco e pouco as augas foron deixando libre a terra, diminuíndo sen parar, despois de cento cincuenta días. 4O día dezasete do mes sétimo a arca pousou en riba dos montes de Ararat. 5As augas seguiron baixando ata o décimo mes. No día primeiro dese mes víronse os cumes das montañas.
6O cabo de corenta días, Noé abriu a bufarra que deixara na arca, 7e soltou un corvo, que saíu e foi voando dun lado para outro, ata secaren as augas que cubrían a terra. 8Despois soltou unha pomba, para ver se as augas se deran retirado. 9Mais a pomba non atopou sitio enxoito onde pousar, porque a auga cubría a terra, e volveu para a arca. Daquela, alongou Noé a man, colleuna e meteuna na arca.
10Noé agardou sete días, e soltou de novo a pomba fóra da arca. 11O serán volveu entrar cunha folla verde de oliveira no peteiro. Noé decatouse de que a auga baixara un pouco máis. 12Agardou outros sete días e soltou novamente a pomba. Esta xa non volveu.
13O día un do primeiro mes do ano seiscentos un da vida de Noé secaron as augas que cubrían a terra. Noé retirou a cuberta da arca e viu que a terra estaba enxoita. 14O día dezasete do segundo mes a terra acabara de secar.
Sacrificio de Noé
15Deus díxolle a Noé: 16—"Sae da arca cos teus fillos, a túa muller e as túas noras, 17e fai saír tamén os animais que están contigo, os seres vivos de todas as especies, paxaros, gandos, réptiles que se arrastran polo chan, para que se reproduzan e crezan".
18Saíu, pois, Noé da arca, e con el seus fillos, súa muller e súas noras. 19E saíron tamén todas as feras, todos os gandos, todos os paxaros, todos os réptiles, segundo as súas especies.
20Noé construíulle un altar ó Señor, colleu gandos puros e aves puras e ofreceunos en sacrificio no altar. 21Agradoulle ó Señor o recendo e decidiu: —"Non maldicirei a terra outra vez por mor dos homes, por máis que a súa inclinación tenda cara ó mal desde a súa mocidade. Non ferirei outra vez a todos os seres vivos, como acabo de facer.
22Namentres a terra dure; sementeira e colleita, frío e calor, verán e inverno, día e noite endexamais non faltarán".
موجودہ انتخاب:
Xénese 8: ABGS
سرخی
شئیر
کاپی
کیا آپ جاہتے ہیں کہ آپ کی سرکیاں آپ کی devices پر محفوظ ہوں؟ Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT