Xoán 2
2
O primeiro signo nas vodas de Caná: 2, 1-11
1O terceiro día houbo un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús. 2Tamén foi convidado Xesús e mais os seus discípulos ó casamento. 3Chegou a faltar o viño e a nai de Xesús díxolle:
Non che teñen viño.
4Replicoulle Xesús:
Muller que ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora.
5Súa nai díxolles entón ós servidores:
Facede o que el vos diga.
6Había alí seis tallas de pedra para as purificacións dos xudeus, que levaban ó pé de cen litros cada unha. 7E ordenoulles Xesús:
Enchede de auga as tallas.
Eles enchéronas de todo.
8Díxolles entón:
Collede agora e levádelle a proba ó mestresala.
Eles levárona. 9E, cando o mestresala probou a auga volta viño, sen saber de onda viña (os servidores si que o sabían, que eles colleran a auga) falou co noivo 10e díxolle:
Todo o mundo pon de primeiras o viño bo e, cando xa están bébedos, o máis cativo; ti, en troques, deixáche-lo viño bo para agora.
11Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos.
Xesús en Cafarnaúm: 2, 12
12Despois disto baixou a Cafarnaúm, con súa nai, seus irmáns e mais os seus discípulos, e quedou alí uns poucos días.
Expulsa os mercadores do templo: 2, 13-22
13Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. 14Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mais os cambiadores, sentados; 15foi el e fixo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambiadores 16e ós que vendían as pombas, díxolles:
Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio.
17Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: "O celo da túa casa devórame".
18Pola súa parte, os xudeus preguntáronlle:
Que sinal nos mostras, para faceres estes feitos?
19Respondeulles Xesús:
Derrubade este templo e erguereino en tres días.
20Replicáronlle os xudeus:
Corenta e seis anos levou edificar este templo e halo erguer ti en tres días?
21Pero el dicíao referíndose ó templo do seu corpo. 22Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.
Fe imperfecta de moitos xudeus: 2, 23-25
23Estando Xesús en Xerusalén pola festa da Pascua, moitos creron nel, vendo os signos que facía. 24Pero, pola súa parte, Xesús non se fiaba deles, porque os coñecía a todos. 25Non precisaba de que ninguén lle dese informacións de ninguén, que ben coñecía el o que había no home.
موجودہ انتخاب:
Xoán 2: ABGS
سرخی
شئیر
کاپی
کیا آپ جاہتے ہیں کہ آپ کی سرکیاں آپ کی devices پر محفوظ ہوں؟ Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT