Lucas 11
11
A Oración (Mt 6, 9-15; 7, 7-11)
1Dunha vez despois de estar el orando en certo lugar, un dos discípulos pediulle:
Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán ós seus discípulos.
2Respondeulles:
Cando recedes, dicide:
Pai, sexa santificado o teu Nome!
Pai,
veña o teu Reino!
3Dános cada día o noso pan.
4E perdoa os nosos pecados,
como tamén perdoamos nós
a todo o que nos debe;
e non nos sometas á tentación.
5Logo continuou:
Botade de conta que un de vós ten un amigo, que vos presentades na casa del pola noite, fóra, e que lle dicides: "Amigo, déixame tres bolos de pan, 6que me veu un amigo de viaxe, e non teño nada que lle poñer diante". 7E que aquel, desde dentro, responde: "Non me amoles, está a porta pechada, eu e mais os nenos estamos na cama: non me podo erguer agora para chos dar". 8Desde logo que, se non se levanta para llos dar por se tratar dun amigo, cando menos por ser teimudo, erguerase e hallos dar.
9Por iso dígovos: "Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade a abrirásevos. 10Que todo o que pide, recibe; o que busca, atopa; e a quen peta, abriráselle".
11Ou logo, que pai hai entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra? 12Ou se lle pide un ovo, dálle un alacrán? 13Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousa boas ós vosos fillos, canto máis o Pai celestial dará o Espírito Santo ós que llo pidan!
Xesús e Belcebul (Mt 9, 32-34; 12, 22-30. 43-45; Mc 3, 22-27)
14Estaba botando un demo mudo; e cando saíu o demo, falou o mudo. A xente quedou abraiada, 15pero algúns deles dixeron:
Este bota fóra os demoños co poder de Belcebul, xefe dos demos.
16Outros, para probalo, reclamábanlle un sinal do ceo. 17Pero el, coñecéndolles o que pensaban, díxolles:
Todo reino dividido contra si mesmo fica asolado, caendo casa sobre casa. 18Pois ben, se Satán está dividido contra si mesmo, como se vai soster o seu reino? Vós dicides que boto os demos co poder de Belcebul. 19Pero se eu boto os demoños co poder de Belcebul, co poder de quen os botan vosos fillos?
Por iso eles mesmos serán os vosos xuíces. 20Pero se boto os demos co poder de Deus, é que xa chegou a vós o Reino de Deus. 21Mentres un home forte e armado garda o seu pazo, os seus bens están seguros. 22Pero se chega un máis forte, e o vence, quitándolle as armas nas que confía, repartirá o botín. 23Quen non está comigo está contra min, e quen non recolle comigo derrama.
Volta do espírito malo (Mt 12, 43-45)
24Cando o espírito malo sae do home, vai polos ermos adiante buscando acougo; se non o atopa, di: "Volverei á miña casa de onde saín"; 25e, ó chegar, atopa a casa varrida e ordenada. 26Entón vai, colle consigo outros sete espíritos aínda peores ca el, e entrando todos, establécense alí; resultando que á fin aquel home acaba estando peor do que ó principio.
A verdadeira felicidade
27Mentres el dicía estas cousas, unha muller de entre a xente exclamou en voz alta:
Ditoso o ventre que te levou e os peitos que te criaron!
28Pero el replicoulle:
Ditosos máis ben os que escoitan a Palabra de Deus e a gardan.
O sinal de Xonás (Mt 12, 38-42; Mc 8, 12)
29A xente xuntábase arredor del e Xesús púxose a dicirlles:
Esta é unha xeración perversa; reclama un sinal, pero non se lle vai dar máis sinal có de Xonás. 30Pois coma Xonás foi sinal para os ninivitas, así o será tamén o Fillo do Home para esta xeración. 31A reina do Sur enfrontarase no Xuízo con estes homes, e fará que os condenen, porque ela veu desde o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón; e aquí está quen é máis ca Salomón. 32Os habitantes de Nínive enfrontaranse no Xuízo con esta xeración e farán que a condenen, porque eles convertéronse cando escoitaron a predicación de Xonás; e aquí está quen é máis ca Xonás.
A lámpada (8, 16; Mt 5, 15; 6, 22-23; Mc 4, 21)
33Ninguén acende unha lámpada para metela nun recuncho ou debaixo dun cazolo, senón enriba dun candeeiro, para que cantos entren vexan a luz. 34A luz do teu corpo é o teu ollo. Se o teu ollo está san, todo o teu corpo estará alumado; pero se está malo, tamén o teu corpo estará na escuridade. 35Mira ben, logo, que a luz que hai en ti non sexa realmente escuridade. 36Se o teu corpo está alumado, sen traza de escuridade, estará resplandecente coma cando a candea te aluma relucente.
Contra os fariseos e xuristas (20, 45-47; Mt 23, 1-36; Mc 12, 38-40)
37Mentres falaba, un fariseo convidouno a comer na súa casa. Entrou e púxose á mesa. 38O fariseo estrañoulle que non se lavase antes de comer. 39Pero o Señor díxolle:
Vós, os fariseos, limpades por fóra a copa e mais o prato, e por dentro estades ateigados de roubos e maldade. 40Sodes parvos! O que fixo o de fóra, non fixo tamén o de dentro? 41Pois logo, dade en esmolas o que hai dentro, e veredes como tódalas cousas serán limpas para vós.
42Ai de vós, fariseos! Pagades o décimo pola menta, pola ruda e por tódalas verduras, e deixades a un lado a xustiza e mais o amor de Deus. Pero é isto o que hai que practicar, aínda que sen descoidar o outro.
43Ai de vós, fariseos, que devecedes polos primeiros postos nas sinagogas, e porque vos fagan reverencias nos rueiros!
44Ai de vós, que sodes coma sepulcros que non se ven, e que a xente pisa sen se decatar!
45Entón un xurista, tomando a palabra, replicoulle:
Mestre, dicindo esas cousas, tamén nos aldraxas a nós.
46El contestoulle:
Ai tamén de vós, os xuristas, porque botades enriba dos homes fardos insoportables, e vós nin cun dedo os tocades!
47Ai de vós, que lles facedes grandes panteóns ós mesmos profetas que asasinaron vosos pais! 48Así aprobades co voso testemuño o que fixeron vosos pais: eles asasinaron e vós facedes os panteóns.
49Por iso dixo a Sabedoría de Deus: "Mandareilles profetas e apóstolos, e perseguirán a uns e asasinarán a outros"; 50de xeito que a esta xeración se lle han pedir contas do sangue dos profetas vertido desde a Creación do mundo: 51desde o sangue de Abel ata o sangue de Zacarías, que morreu entre o Altar e o Santuario. Si, seguro que se lle han pedir contas a esta xeración.
52Ai de vós, xuristas, porque levastes a chave do saber! Nin vós entrastes nin deixastes entrar ós que querían entrar.
53E saíndo de alí, os letrados e fariseos empezaron a encirralo, tirándolle da lingua, 54para ver se o pillaban no que dicía.
موجودہ انتخاب:
Lucas 11: ABGS
سرخی
شئیر
کاپی
کیا آپ جاہتے ہیں کہ آپ کی سرکیاں آپ کی devices پر محفوظ ہوں؟ Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT