Lucas 13
13
Parábola da figueira
1Naquel intre presentáronse algúns para contarlle o caso aquel de cando Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían. 2El respondeulles:
Coidades que eses galileos eran máis pecadores cós demais, porque acabaron así? 3Non tal, e asegúrovos que como non vos arrepintades acabades todos igual. 4Seica pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables cós outros habitantes de Xerusalén? 5Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.
6E púxolles esta parábola:
Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. 7Díxolle ó viñateiro: "Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, para que vai cansar máis a terra?" 8El respondeulle:
"Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto esterco; 9A ver se así dá froito...; e, onde non, pódela cortar".
A muller dobrada
10Un sábado estaba Xesús ensinando nunha das sinagogas. 11Había alí unha muller eivada por causa dun espírito: había dezaoito anos que estaba dobrada sen se poder endereitar. 12Xesús ó vela chamou por ela e díxolle:
Muller, quedas ceiba da túa enfermidade.
13E impúxolle as mans. Ela ficou curada no momento e empezou a loar a Deus. 14Entón o xefe da sinagoga, indignado de que Xesús curase nun sábado, díxolle á xente:
Hai seis días para traballar, vide durante eses días para que vos cure e non precisamente no sábado.
15Replicoulle Xesús:
Hipócritas! Non ceibades vós, nos sábados, o voso boi ou o voso burro, para os levar a beber? 16E logo esta filla de Abraham, que leva dezaoito anos atada por Satán, non a imos poder ceibar por ser sábado?
17Cando tal lles dixo ós adversarios, todos viraron rubios diante del e toda a xente se alegraba das marabillas que facía.
Parábola do gran de mostaza e mais do fermento (Mt 13, 31-33; Mc 4, 30-32)
18E dicía tamén:
Con que se parece o Reino de Deus, a que volo compararía eu? 19Évos coma un gran de mostaza que un home sementou na súa horta; medrou e converteuse nunha árbore e os paxaros do ceo aniñaban nas súas pólas.
20E proseguiu:
A que vos compararía eu o Reino de Deus? 21Évos coma o fermento que unha muller botou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.
A porta estreita (Mt 7, 13-14. 21-23; 25, 10-12)
22Atravesaba vilas e aldeas ensinando, camiño de Xerusalén.
23Un preguntoulle:
Señor, e logo son poucos os que se salvan?
El respondeu:
24Loitade para entrardes pola porta estreita, porque vos aseguro que moitos intentarán entrar e non poderán. 25Despois que o dono da casa peche a porta e empecedes os de fóra a petar nela dicindo: "Señor, ábrenos", el responderá: "Non sei quen sodes". 26Entón empezaredes a dicir: "Se nós comemos e bebemos contigo e ti ensinaches polas nosas rúas!". 27El repetirá: "Non sei quen sodes. Arredade de min os que practicades a inxustiza!".
28Daquela habedes chorar e hanvos renxer os dentes: cando vexades que Abraham, Isaac, Xacob e todos os profetas están no Reino de Deus, e que a vós vos botan para fóra. 29E chegarán de Oriente e Occidente, do norte e do sur a sentar na mesa do Reino de Deus. 30Si, hainos que son últimos e serán os primeiros, e hainos primeiros que serán os derradeiros.
Un aviso da morte
31Naquel momento chegaron uns fariseos para lle avisar:
Veña, vaite de aquí, que Herodes te quere matar.
32El respondeulles:
Ídelle dicir a ese raposo: eu hoxe e mañá estou a botar os demoños fóra, e no terceiro día xa acabo. 33Pero hoxe, mañá e pasado mañá cómpre que siga para diante, pois non é ben que un profeta morra fóra de Xerusalén.
Lamento sobre Xerusalén (Mt 23, 37-39)
34Xerusalén, Xerusalén, que asasinas os profetas e apedras os que mandan onda ti! Cantas veces quixen aconchegar os teus fillos, como a galiña aconchega os seus pitiños baixo as ás e non quixeches! 35Pois mirade: a vosa casa fica baleira e asegúrovos que non me volveredes ver ata que exclamedes: Benia o que vén no nome do Señor!
موجودہ انتخاب:
Lucas 13: ABGS
سرخی
شئیر
کاپی
کیا آپ جاہتے ہیں کہ آپ کی سرکیاں آپ کی devices پر محفوظ ہوں؟ Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT