Lucas 4
4
As tentacións (Mt 4, 1-11; Mc 1, 12-13)
1Entón Xesús, cheo de Espírito Santo, volveu do Xordán, e o Espírito levouno deserto adiante, 2durante corenta días, onde o tentou o Satán. Naqueles días non probou bocado, pero ó cabo deles sentiu fame. 3E díxolle o Satán:
Se es o Fillo de Deus, manda que estas pedras se volvan pan.
4Respondeulle Xesús:
Está escrito: O home vive de algo máis ca de pan.
5Despois levouno a un outeiro e mostroulle nun intre todos os reinos do mundo. 6Díxolle o Satán:
Dareiche todo o seu poder e toda a súa gloria, porque mos entregaron a min e doullos eu a quen quero: 7Se me adoras todo será teu.
8Respondeulle Xesús:
Escrito está: Adorarás o Señor, o teu Deus, e só a El darás culto.
9Levouno logo a Xerusalén e plantouno no cumio do templo e díxolle:
Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí abaixo, 10que está escrito: Mandará ós seus anxos para que te garden; e tamén: 11Levarate nas súas mans para que non se manquen quen os teus pés nas pedras.
12Xesús respondeulle:
Está mandado: Non tentarás o Señor, o teu Deus.
13E rematadas as tentacións, o Satán deixouno ata o tempo axeitado.
XESUS EN GALILEA
Comeza a predicar. Xesús en Nazaret (Mt 4, 12-17; 13, 53-58; Mc 1, 14-15; 6, 1-6)
14Coa forza do Espírito Santo, Xesús volveu a Galilea, e a súa sona estendeuse por toda a redonda.
15Ensinaba nas sinagogas, e todo o mundo dicía moito ben del.
16Chegou a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para facer a lectura, 17e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
18O Espírito do Señor está sobre min
porque El foi quen me unxiu
para proclamarlles a Boa Nova ós pobres.
Mandoume para lles anunciar a liberación ós secuestrados
e a vista ós cegos,
para lles dar liberdade ós asoballados,
19e proclamar o ano de graza do Señor.
20Pechando o libro, devolveullo ó encargado, e sentou. Todos os ollos da sinagoga enteira estaban fixos nel. 21Logo empezoulles a dicir:
Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.
22E todos se lle puxeron á contra, estrañados polas palabras de graza que saían da boca del. E dicían:
Pero non é este o fillo de Xosé?
23El díxolles:
Seguramente me recordaredes aquel refrán: Médico, cúrate a ti mesmo; todo canto oímos que fixeches en Cafarnaúm, faino aquí na túa terra.
24Pero el continuou:
Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra. 25Tede por seguro que no tempo de Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; 26e a ningunha delas mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. 27E moitos gafos había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, e a ningún deles curou, fóra de Naamán, o sirio.
28Oíndo estas cousas, todos os que estaban na sinagoga puxéronse feitos unhas feras; 29Así que, erguéronse, botárono fóra da vila, levárono ata o alto do monte no que está edificada, coa intención de o precipitaren embaixo. 30Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.
Curación dun endemoñado (Mc 1, 21-28)
31Baixou entón a Cafarnaúm, vila de Galilea, e os sábados adoitaba ensinar. 32Todos estaban sorprendidos do ensino, porque falaba con autoridade. 33E aconteceu que había na sinagoga un home posuído polo espírito dun demoño inmundo, que pegou a berrar dando grandes voces:
34Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaret? Seica viñeches para acabares connosco? Ben sei quen es ti: o Santo de Deus.
35Xesús ordenoulle:
Cala a boca e bótate fóra dese home!
E o demo tirou co home no medio e medio e saíu del sen lle facer mal. 36Todos ficaron abraiados e falaban entre eles dicindo:
Que terá a súa palabra? Con autoridade e poder manda nos espíritos malos, e eles fanlle caso.
37E a sona de Xesús estendeuse por todos os lugares daquela terra.
Curación da sogra de Pedro e doutros enfermos (Mt 8, 14-17; Mc 1, 29-34)
38O que saíu da sinagoga, entrou na casa de Simón. A sogra de Simón tiña unha febre moi alta, e pedíronlle por ela. 39Achegándose a onde estaba, ordenoulle á febre que a deixase, e deixouna. De seguida ergueuse ela, e púxose a servilos.
40A tardiña, cantos tiñan enfermos de calquera doenza leváronllos; el, impoñendo as mans sobre cada un deles, curounos a todos. 41De moitos saían os demos tremendo e dicindo: "Ti es o Fillo de Deus". Pero el berráballes e non os deixaba falar, porque sabían que el era o Mesías.
Xesús abandona Cafarnaúm (Mc 1, 35-39)
42O abrir o día, saíu para un lugar arredado. Pero a xente buscouno, indo tras el e tratando de retelo para que non os deixase. 43Pero el díxolles:
Tamén cómpre que anuncie o Reino de Deus noutras vilas, que para isto me mandaron.
44E andou predicando polas sinagogas de Xudea.
موجودہ انتخاب:
Lucas 4: ABGS
سرخی
شئیر
کاپی
![None](/_next/image?url=https%3A%2F%2Fimageproxy.youversionapistaging.com%2F58%2Fhttps%3A%2F%2Fweb-assets.youversion.com%2Fapp-icons%2Fur.png&w=128&q=75)
کیا آپ جاہتے ہیں کہ آپ کی سرکیاں آپ کی devices پر محفوظ ہوں؟ Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT