Xoán 10
10
Xesús, porta do curral e Bo Pastor: 10, 1-21
1Con toda verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senón que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido. 2En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas. 3A ese ábrelle o porteiro, e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra. 4Cando as dá sacado todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz. 5Pero a un alleo non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.
6Díxolles Xesús esta alegoría mais eles non coñeceron que era o que lles daba a entender. 7Entón díxolles de novo:
Con toda verdade volo aseguro: eu son a porta das ovellas. 8Todos os que viñeron antes ca min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron. 9Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase: entrará e sairá e atopará pasto. 10O ladrón non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo.
11Eu son o Bo Pastor. O Bo Pastor dá a súa vida polas ovellas. 12O criado, que non é pastor, de quen non son as ovellas, cando ve vir o lobo, deixa as ovellas e foxe e o lobo rapínaas e dispérsaas; 13porque el anda ó xornal e as ovellas non lle importan. 14Eu son o Bo Pastor: coñezo as miñas e as miñas coñécenme a min. 15Igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai, e dou a miña vida polas ovellas. 16Teño ademais outras ovellas que non son deste curro: tamén a esas as teño que guiar, e escoitarán a miña voz e farase un único rabaño e un único pastor.
17Por iso ámame o Pai: porque eu dou a miña vida, para tomala de novo. 18Ninguén ma quita; non, eu douna voluntariamente. Teño poder para dala e teño poder para tomala de novo. Este mandato recibino do meu Pai.
19Fíxose de novo unha división entre os xudeus por estas palabras. 20Moitos deles dicían:
Ten o demo e está tolo. Por que o escoitades?
21Pero outros replicaban:
Estas palabras non son dun tolo endemoñado; ou é que un demoño pode darlles la vista ós ollos dos cegos?
Xesús rexeitado polos xudeus na Festa da Dedicación: 10, 22-42
22Era xa inverno e celebrábase daquela en Xerusalén, a Festa da Dedicación. 23Xesús paseaba polo Templo no Pórtico de Salomón. 24Rodeárono entón os xudeus e preguntáronlle:
Ata que día nos terás en suspenso? Se es ti o Mesías, dínolo abertamente.
25Xesús respondeulles:
Xa volo dixen e mais non credes: as obras que eu fago no nome do meu Pai son o meu aval. 26Pero vós non credes, porque non sodes das miñas ovellas. 27As miñas ovellas escoitan a miña voz: eu coñézoas e elas séguenme; 28eu doulles vida eterna, e non se perderán para sempre: ninguén mas quitará da man. 29Meu Pai, que mas deu, é máis ca todos, e ninguén pode repañalas da man do Pai. 30Meu Pai e mais eu somos un.
31Colleron outra vez pedras os xudeus, para o apedraren. 32Xesús replicoulles:
Moitas boas obras fixen diante de vós de parte do meu Pai. Por cal delas me apedrades?
33Respondéronlle os xudeus:
Non te apedramos por ningunha obra boa, senón por blasfemia, pois ti, sendo home, faste Deus.
34Xesús replicoulles:
Non está escrito na vosa Lei Eu dixen: sodes deuses? 35Se lles chamou deuses a aqueles sobre os que veu a palabra de Deus e non pode a Escritura perder a súa forza, 36por que me acusades de blasfemia a min, a quen o Pai santificou e mandou ó mundo, por dicir que "Son Fillo de Deus"? 37Se non fago as obras do meu Pai, seguide sen crerme. 38Pero se as fago, aínda que non creades en min, crede nas obras, para que comprendades e recoñezades que o Pai está en min e eu estou no Pai.
39Unha vez máis trataban entón de o prender; pero Xesús liscóuselles das mans. 40E foi de novo á outra banda do Xordán, ó sitio onde estivera Xoán bautizando ó comezo e permaneceu alí. 41E acudiron moitos onda el e dicían: "Xoán non fixo ningún sinal, mais todo canto Xoán dixo acerca deste, era verdade". 42E moitos comezaron a crer nel alí.
موجودہ انتخاب:
Xoán 10: ABGS
سرخی
شئیر
کاپی
کیا آپ جاہتے ہیں کہ آپ کی سرکیاں آپ کی devices پر محفوظ ہوں؟ Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT