Xoán 9
9
Curación dun cego de nacemento: 9, 1-12
1Ó pasar, viu a un cego de nacemento. 2Entón preguntáronlle os seus discípulos:
Mestre, quen pecou, para que nacese cego: el ou seus pais?
3Xesús respondeu:
Nin pecou el nin os seus pais, senón que está cego para que se mostren nel as obras de Deus. 4Precisamos facer as obras do que me mandou mentres é día; está a chegar a noite e daquela ninguén pode traballar. 5Mentres eu estou no mundo, son a luz do mundo.
6Dito isto, cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego, 7dicíndolle:
Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir "enviado"). El foi, lavouse e volveu con vista. 8Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban:
Non é este o que estaba sentado pedindo?
9Uns dicían: "éche o mesmo"; outros, "non, é un que se lle asemella"; e el dicía: "son eu". 10Entón preguntábanlle:
Daquela como se che abriron os ollos?
11El respondeu:
O home que se chama Xesús fixo lama, untoume os ollos, e díxome: "Vai a Siloé e lávate". Entón fun e, ó que me lavei, comecei a ver.
12Preguntáronlle:
Onde está ese?
El contestou:
Non o sei.
13Levaron onda os fariseos o que fora cego. 14(Era sábado o día que Xesús fixera lama e lle abrira os ollos). 15E outra vez lle preguntaban tamén os fariseos como chegara a ver. El respondeulles:
Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.
16Algúns dos fariseos dicían: "Este home non vén de Deus, que non garda o sábado". Outros, en cambio, dicían: "Como ía poder un home pecador facer estes sinais?" E había división entre eles.
17Entón preguntáronlle outra vez ó cego:
A ti que che parece ese home que lles deu a vista ós teus ollos?
El contestou:
Que é un profeta.
18Os xudeus non lle creron que fose cego e que chegase a ver, ata que chamaron polos seus pais 19e lles preguntaron:
É este o voso fillo, o que vós dicides que naceu cego? Logo como é que agora ve?
20Os pais responderon:
Nós sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego: 21como é que agora ve, non o sabemos; nin sabemos tampouco quen lle deu a vista. Preguntádelle a el, que ten anos para falar en por si.
22(Isto dixérono os pais, porque lles tiñan medo ós xudeus, pois xa se puxeran de acordo en que, se alguén o recoñecía coma Mesías, botábano da sinagoga. 23Por isto dixeron seus pais: "Ten idade, preguntádelle a el").
24Chamaron por segunda vez polo home que fora cego e dixéronlle:
Dá gloria a Deus: nós sabemos que ese home é un pecador.
25El entón respondeu:
Eu non sei se é un pecador; só sei unha cousa: que eu antes era cego e que agora vexo.
26Dixéronlle entón:
Pero que foi o que che fixo? Como che deu a vista?
27Respondeulles:
Xa volo dixen e non me fixestes caso. Por que queredes oílo outra vez? Ou é que tamén queredes facervos discípulos del?
28Eles enchérono de aldraxes e dixéronlle:
Serás ti discípulo del; nós somos discípulos de Moisés. 29Nós sabemos que a Moisés lle falou Deus; deste, polo contrario, non sabemos de onde é.
30O home replicoulles:
Pois nisto precisamente está o admirable: en que vós non sabedes de onde é e el deulles a vista ós meus ollos. 31Sabemos que Deus non escoita os pecadores, pero se un é piadoso e fai a súa vontade, a ese escóitao. 32Endexamais non se soubo de ninguén que dese vista a un cego de nacemento: 33se este non viñese de Deus, non podía facer nada.
34Respondéronlle eles:
Ti naciches todo metido en pecados e vasnos ensinar a nós?
E botárono fóra.
A cegueira espiritual: 9, 35-41
35Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:
Cres ti no Fillo do Home?
36El respondeulle:
E quen é, Señor, para que crea nel?
37Díxolle Xesús:
Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.
38El dixo:
Creo, Señor.
E prostrouse diante del.
39Entón dixo Xesús:
Para realizar un xuízo vin eu a este mundo: para que os que non ven, vexan; e os que ven, se volvan cegos.
40Oíron isto algúns dos fariseos que estaban onda el, e preguntáronlle:
E, logo, nós tamén estamos cegos?
41Xesús contestoulles:
Se estivésedes cegos, non teriades pecado; mais, como dicides que vedes, o voso pecado permanece.
موجودہ انتخاب:
Xoán 9: ABGS
سرخی
شئیر
کاپی
کیا آپ جاہتے ہیں کہ آپ کی سرکیاں آپ کی devices پر محفوظ ہوں؟ Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT