Xoán 5
5
Curación do paralítico da piscina: 5, 1-15
1Despois disto había unha festa dos xudeus. E Xesús subiu a Xerusalén. 2Hai en Xerusalén, onda a Porta das Ovellas, unha piscina, chamada en hebreo Bezsazá, que ten cinco pórticos. 3Neles había unha chea de enfermos, cegos, coxos, tolleitos, agardando o movemento da auga. 4(Pois de vez en cando baixaba un anxo á piscina e remexía a auga; entón, o primeiro que entrase despois da axitación da auga, quedaba curado de calquera mal que tivese).
5Había alí un home que levaba trinta e oito anos enfermo. 6Xesús, ó velo deitado e sabendo que levaba xa moito tempo, preguntoulle:
Ti queres quedar san?
7Respondeulle o enfermo:
Señor, eu non teño a ninguén que me bote na piscina cando se remexe a auga; e, mentres eu veño, sempre baixa outro máis axiña ca min.
8Xesús díxolle:
Érguete, colle o teu leito e anda.
9No intre púxose bo aquel home, colleu a súa padiola e botou a andar. Pero aquel día era sábado. 10Entón dicíanlle os xudeus ó que quedara curado:
É sábado, non tes dereito a levar o leito.
11Mais el respondeulles:
O que me curou, díxome el mesmo: "Colle o teu leito e anda".
12Eles preguntáronlle:
Quen é o home que che dixo "colle e anda"?
13Pero o curado non o sabía, pois Xesús escapara do xentío que había naquel sitio. 14Máis tarde atopouno Xesús no templo e díxolle:
Mira que estás san; non volvas pecar, para que non che veña algo peor.
15Foise o home e contoulles ós xudeus que fora Xesús quen o curara.
As razóns polas que actúa Xesús: 5, 16-29
16Por este motivo os xudeus perseguían a Xesús, por facer estas cousas en sábado. 17Xesús respondeulles:
O meu Pai ata o presente está sempre a traballar; eu tamén traballo.
18Por iso os xudeus tiñan máis interese en matalo, porque non só violaba o sábado, senón que dicía que Deus era seu Pai, facéndose a si mesmo igual a Deus.
19Xesús saíulles ó paso dicindo:
Con toda verdade volo aseguro: o Fillo non pode facer en por si nada: só o que lle ve facer a seu Pai. O que este fai, faino tamén o Fillo: 20pois o Pai ama ó Fillo, e móstralle todas as cousas que el fai, e mostraralle obras meirandes ca estas, para que vos pasmedes. 21Pois, así coma o Pai resucita os mortos e lles dá vida, así tamén o Fillo dá vida ós que el quere. 22Pois nin sequera o Pai xulga a ninguén, senón que delegou no Fillo todo o poder de xulgar, 23para que todos honren o Fillo como honran o Pai. O que non honra o Fillo, non honra o Pai, que o mandou. 24Dígovos a verdade: quen escoita a miña palabra e cre no que me mandou, ten vida eterna e non comparecerá a xuízo, senón que pasará da morte á vida.
25Con toda verdade volo aseguro: chega a hora ou, mellor dito, xa é esta a hora en que os mortos escoitarán a voz do Fillo de Deus e os que a escoiten, vivirán. 26Pois así coma o Pai ten vida en si mesmo así tamén lle deu ó Fillo ter vida en si mesmo; 27e deulle tamén poder para xulgar, pois é o Fillo do Home. 28Non vos pasme isto, porque chega o momento en que todos os que están nos sepulcros escoitarán a súa voz; 29e sairán os que fixeron o ben a unha resurrección de vida; e os que obraron o mal a unha resurrección de condena.
Testemuños en favor de Xesús: 5, 30-47
30Eu nada podo facer pola miña conta: conforme oio, xulgo; e o meu xuízo é xusto, porque non procuro a miña vontade senón a vontade de quen me mandou. 31Se eu fose testemuña en causa propia, o meu testemuño non tería validez. 32Pero é outro o que testemuña a favor de min e eu sei que é valedoiro o testemuño que dá de min.
33Vós mandastes xente a preguntarlle a Xoán e el deu testemuño da verdade. 34Non é que eu apele ó testemuño dos homes, pero lémbrovos isto pola vosa salvación. 35Xoán era o facho que ardía e alumaba, e vós quixestes gozar un instante da súa luz. 36Mais eu teño un testemuño máis importante có de Xoán, pois as obras que o Pai me encargou de levar a cabo, esas obras que eu fago, dan fe de que eu son un mandado do Pai. 37E o Pai, que me mandou, dá testemuño en favor de min. Pero vós nin oístes nunca a súa voz, nin víste-lo seu rostro 38e tampouco conservades a súa palabra en vós, porque non credes naquel que El mandou. 39Estudiades as Escrituras, coidando que nelas tedes vida eterna: pois esas son as que testemuñan a favor meu 40e vós non queredes vir a min, e así ter vida.
41Non é que eu espere gloria dos homes; 42pero ben me decato de que vós non tedes dentro o amor de Deus. 43Eu veño no nome do meu Pai e non me recibides; se outro vén no seu propio nome, a ese habedes de recibilo. 44Como ides poder crer vós, que vos dades honra uns a outros e non procurades a gloria que vén do único Deus? 45Non coidedes que vos hei acusar ó Pai: quen vos acusa é Moisés, ese no que vós tedes a esperanza. 46Pois se vós crerades a Moisés, habiades crer tamén en min, xa que de min escribiu el. 47Mais se non fiades nos seus escritos, como ides crer nas miñas palabras?
موجودہ انتخاب:
Xoán 5: ABGS
سرخی
شئیر
کاپی
کیا آپ جاہتے ہیں کہ آپ کی سرکیاں آپ کی devices پر محفوظ ہوں؟ Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT