Xoán 6
6
Multiplicación do pan e dos peixes: 6, 1-15
1Despois disto foi Xesús á outra banda do Mar de Galilea (o de Tiberíades). 2Seguíao unha chea de xente, porque viran os sinais que facía nos enfermos. 3Subiu Xesús ó monte e sentou alí cos seus discípulos. 4Estaba a chegar a Pascua, a festa dos xudeus. 5Levantou a vista Xesús e, vendo vir tanta xente cara a el, díxolle a Filipe:
Onde imos mercar pan, para que coma esta xente? 6(Isto dicíao para tentalo, que el ben sabía xa o que ía facer).
7Respondeulle Filipe:
Nin medio ano de xornal chega para que cada un deles reciba un codelo.
8Un dos seus discípulos, Andrés, o irmán de Simón Pedro, díxolle:
9Hai aquí un rapaz que ten cinco bolos de pan de cebada e dous peixes. Claro que, que é iso para tantos?
10Xesús ordenou:
Facede sentar a xente.
Había moita herba naquel sitio. E sentaron como uns cinco mil homes. 11Entón colleu Xesús os pans e, dando grazas, repartiu ós sentados canto quixeron e o mesmo os peixes. 12Cando se fartaron, díxolles ós seus discípulos:
Recollede os anacos sobrantes, para que non se estrague nada.
13Entón xuntáronos e encheron doce cestas cos anacos dos cinco bolos de pan de cebada, que lles sobraran ós que comeron. 14O veren aqueles homes o sinal que fixera, dicían: "Este si que é o profeta que había de vir ó mundo".
15Entón Xesús, decatándose de que o ían vir coller para proclamar o rei, retirouse só outra vez ó monte.
Xesús camiña sobre o mar: 6, 16-21
16Como xa caera a tarde, baixaron os seus discípulos ó mar, 17e, montando nun bote, dirixíanse cara á outra beira, a Cafarnaúm. Xa era noite pecha e Xesús aínda non chegara onda eles. 18O mar empezouse a picar, porque ventaba rexo. 19Despois de levaren vogado unhas tres millas, viron a Xesús camiñando por riba do mar e, conforme se ía achegando ó bote, empezaron a coller medo. 20Pero el díxolles:
Son eu, non teñades medo.
21Entón queríano facer subir ó bote, pero naquel instante o bote quedou varado no sitio onde ían.
O discurso do "pan da vida": 6, 22-71
22O outro día, a xente que quedara na outra banda do mar, decatouse de que alí non había máis ca un bote e que Xesús non montara nel cos seus discípulos, senón que estes marcharan sós. 23Nisto chegaron algúns botes de Tiberíades, de cerca do sitio onde comeran o pan despois de o Señor dar grazas a Deus. 24Así que, en vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron nos botes e chegaron a Cafarnaúm buscando a Xesús. 25Atopárono na outra banda do mar e dixéronlle:
—Rabbí, cando chegaches aquí?
26Xesús contestoulles:
Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar. 27Traballade non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna, o que vos dará o Fillo do Home: pois el é a quen o Pai Deus marcou co seu selo.
28Eles preguntáronlle:
Que temos que facer para realizar as obras de Deus?
29Respondeu Xesús:
Esta é a obra de Deus: que creades naquel que El mandou.
30Replicáronlle:
Que sinal fas ti, para que véndoo creamos en ti? Que podes facer? 31Os nosos pais comeron o maná no deserto, conforme está escrito: deulles a comer pan do ceo.
32Entón díxolles Xesús:
Con toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen vos deu o pan do ceo; meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo: 33pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e que lle dá vida ó mundo.
34Dixéronlle entón:
Señor, dános sempre dese pan.
35Xesús respondeulles:
Eu son o pan da vida: quen vén onda min, non pasará fame e quen cre en min, endexamais non terá sede. 36Pero xa vos dixen que, aínda que vistes, non credes. 37Todos os que o Pai me entregou, virán onda min; e a quen vén onda min, non o botarei fóra. 38Pois eu baixei do ceo non para facer a miña vontade, senón a vontade daquel que me mandou. 39Esta é a vontade daquel que me mandou: que non perda a ningún dos que me entregou, senón que os resucite no derradeiro día. 40Esta é, polo tanto, a vontade do meu Pai: que todo aquel que ve ó Fillo e cre nel, teña vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día.
41Entón os xudeus comezaron a murmurar del, porque dixera "Eu son o pan que baixou do ceo", 42e dicían:
Non é este Xesús, o fillo de Xosé? Non lle coñecemos o pai e mais a nai? Como di, logo "Eu baixei do ceo"?
43Xesús respondeulles:
Non esteades aí a murmurar. 44Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día. 45Está escrito nos Profetas: todos serán ensinados por Deus: todo aquel que escoita ó Pai e aprende, vén onda min. 46Non porque alguén vise ó Pai; o único que viu ó Pai é o que estaba onda Deus. 47Con toda verdade volo aseguro: quen cre, ten vida eterna.
48Eu son o pan da vida. 49Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. 50Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra. 51Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo.
52Discutían entón entre eles os xudeus:
Como pode este darnos a comer a súa carne?
53Díxolles entón Xesús:
Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. 54Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. 55Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. 56Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min e eu nel. 57Así coma o Pai, que me mandou, vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. 58Este é o pan que baixou do ceo; non coma o que comeron os pais que mesmo así morreron: quen come este pan, vivirá para sempre.
59Dixo estas cousas ensinando na sinagoga, en Cafarnaúm. 60Cando tal oíron, moitos dos seus discípulos dixeron:
Que dura é esta doutrina! Quen pode admitir tal cousa?
61Comprendendo Xesús que os seus discípulos murmuraban do asunto, díxolles:
Escandalízavos iso? 62E logo se vísedes o Fillo do Home subindo a onde estaba antes? 63O espírito é quen dá vida, a carne non vale para nada; as palabras que eu vos falei, son espírito e son vida. 64E, aínda así, hai algúns de vós que non cren.
Pois ben sabía Xesús desde o principio quen eran os que non crían e mais quen o había de entregar. 65E proseguiu:
Por iso téñovos dito que ninguén pode vir a min, se non llo concede o Pai.
66Desde aquela moitos dos seus discípulos botáronse para atrás, e xa non andaban con el. 67Preguntoulles entón Xesús ós Doce:
Vós tamén vos queredes ir?
68Respondeulle Simón Pedro:
Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna, 69e nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.
70Xesús dixo aínda:
Non vos escollín eu os Doce? E mais un de vós é un Satán.
71(Falaba de Xudas, o de Simón o Iscariote, pois este, sendo como era un dos Doce, habíao de entregar).
موجودہ انتخاب:
Xoán 6: ABGS
سرخی
شئیر
کاپی
کیا آپ جاہتے ہیں کہ آپ کی سرکیاں آپ کی devices پر محفوظ ہوں؟ Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT